A voltas coas linguas

Joaquim Ventura

O pasado 23 de abril, como sucede cada ano, celebrouse o Día do Libro, unha efeméride que ten unha tradición case centenaria desde que Afonso XIII aprobou a súa celebración en 1926. Catro anos despois pasou a ese día porque cadraba cos cabodanos de Cervantes e Shakespeare. No caso de Cataluña uniuse á festa de Sant Jordi, celebrada desde o século XV. En 1995 a UNESCO estableceu ese día como Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor. A partir de 1976, nese día entrégase o Premio Cervantes (establecido en 1974), o máis importantes para os escritores en lingua castelá, concedido a proposta da RAE polas diversas academias da lingua española.

Sen discutir a validez de tal galardón, estableceuse un siloxismo polo cal os escritores en lingua castelá -a única oficial en España cando foi instituído o premio- son os únicos que poden optar a el. E de aí, a escala española a única lingua a promocionar é a de Cervantes: o castelán. En paralelo, e desde 2010, a ONU fai homenaxe a esta lingua a nivel mundial, cousa que ninguén discute. Sen embargo, tal celebración (que en España asume o Ministerio de Asuntos Exteriores) non ten porque excluír que o goberno de Pedro Sánchez promocione as outras linguas faladas en España, con independencia das celebracións que en cada un dos seus ámbitos poida haber. Como se de cara ao exterior (xa non digamos ao interior) en España non houbese máis lingua ca o castelán.

Unha desidia semellante á demostrada pola Biblioteca Nacional de España días atrás. Esta institución presenta desde o pasado 19 de febreiro ata o vindeiro 22 de maio a exposición “La luz de la Edad Media en la literatura catalana”. A inclusión -cientificamente obvia- dos grandes escritores valencianos do século XV (Ausiàs March, Jordi de Sant Jordi, Joanot Martorell, Isabel de Villena) provocou a reacción fulminante de senadores e senadoras do PP, que presentaron unha pregunta na Cámara Alta en protesta pola “catalanización” de ditos autores. En calquera caso, e desde a unanimidade filolóxica da unidade literaria catalá, ninguén lles nega a estes autores a súa condición de valencianos (como ninguén lle nega a Ramon Llull a de mallorquín e non por iso sería fundador dunha literatura balear).

En canto a estes representantes dos cidadáns, non lles discuto o seu dereito á ignorancia, por elemental que sexa. Estou absolutamente convencido que nunca leron, por exemplo, o Tirant lo Blanc ou as poesías de Ausiàs March, por poñer os casos más salientables. Aínda máis: cabería comprobar cantos deles ou delas son valenciano-falantes, condición básica para esgrimir argumentos secesionistas para a lingua. Unha lingua, a dos autores expostos, que -resulta- cumpre cos parámetros comúns ao dominio catalán medieval e non coa suposta normativa dos que defenden a diferencia valenciana. Pero, repito, alá eles e elas.

O problema está cando os responsables da Biblioteca Nacional de España publicaron unha nota, a maneira de resposta á pregunta feita no Senado, na que lamentaban o “malestar” dos que se sentiron ofendidos polo título da exposición, ao tempo que engadían que a vontade de tal evento é mostrar a literatura escrita nas “linguas vernáculas” faladas nos territorios da Coroa de Aragón.

¿Linguas vernáculas? ¿Cales, daquela? Acaso, por tal regra de tres, inclúen mostras de obras en lingua aragonesa, como as de Juan Fernández de Heredia? Ou é que, cincocentos anos despois, as linguas distintas do castelán -en igualdade con el no século XV- quedan relegadas á condición de vernáculas? Para a BNE, ¿sería vernáculo o galego-portugués das cantigas medievais ou do Livro de Tristán, poño por caso? ¿Ou daquela o castelán non era vernáculo?

Cando por unha vez se presentaba a oportunidade de facer unha demostración da unidade lingüística da lingua catalá, quen en España mellor podía facelo, a BNE, réndese aos argumentos da ignorancia, a incultura e a mentira á mantenta. Se a principal institución de custodia bibliográfica non sabe manter os argumentos filolóxicos, pouco o nada podemos esperar dela. Mentres non chegue unha lei de linguas que poña as cousas no seu sitio, as autoridades, comezando polas culturais polo menos, teñen que asumir plenamente os criterios establecidos polas diversas instancias científicas, as universitarias en primeiro lugar. Estas, que no caso da literatura medieval, están agrupadas na AHLM-entre outras instancias-, nunca aceptarían a máis mínima posibilidade de secesión dunha literatura valenciana verbo do seu marco común, a literatura catalá.

Joaquim Ventura