Alcoa, un paso adiante e outro a un lado

Manuel Mera

A sentenza xudicial, declarando nulo o ERE e obrigando a manter acesas as cubas electrolíticas en Alcoa, é unha nova oportunidade para os/as traballadores da empresa despedidos, para os que forman parte das compañías auxiliares directamente afectadas, así como para a comarca e o país. Era evidente que a dirección da actuou de mala fe, cando aceptou a venda da parte da empresa adicada á transformación primaria de aluminio, e logo negouse a tratar en serio o tema. Escenificando unha venda que non quería facer. Fíxose esta teatralización ante a presión dos traballadores/as, das institucións e da opinión pública. Agora a sentenza implica que terá que manter o cadro de persoal e a actividade, aínda que todo indica que Alcoa apelará, polo que en realidade só se gaña tempo, xa que se mantén a ameaza do peche, aínda que cos empregados e empregadas nunha situación máis forte.

Tampouco se pode obviar que perante este proceso o Governo central non estivo á altura das circunstancias, para alén de facer declaracións e ver con bos ollos a posíbel venda a unha compañía británica. Unha postura semellante mantivo a Xunta de Galiza. A demora na aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo (ECE) deulle máis escusas Alcoa para seguir adiante co plan para pechar parte da factoría, e trasladar a produción alí onde a enerxía fose moito máis barata. Ademais o ECE aprobado non é o que solicitaban as centrais sindicais, e carece de concreción. Ao respeito dicía o secretario xeral da CIG, Paulo Carril: “o Governo segue sen aclarar cal vai ser a rebaixa efectiva no prezo da electricidade para o sector, malia que esta indefinición é á que se veñen agarrando as empresas para ameazar a continuidade dos postos de traballo e da actividade”. Na mesma liña o deputado Nestor Rego do BNG a cualifica como: “insuficiente e decepcionante”. Ou sexa, na práctica, e para alén do relato obrigado, parecería que ao Governo non lle preocupa o peche. Malia que afecte a un milleiro de empregos, nunha comarca sen outra actividade tractora alternativa, e sendo a única empresa que produce aluminio primario no Estado español.

As solucións dependen fundamentalmente da actitude da dirección da empresa e do Governo central e da Xunta. Por unha banda é case que seguro que Alcoa apelará, demorándose o conflito nos xulgados. Pola parte institucional sería necesario que o Governo e máis a Xunta movan ficha e obriguen á dirección de Alcoa a vender, ou senón intervir directamente na empresa. Ou sexa, cómpre que exista unha actitude firme, que sexa evidente que non hai máis vías que manter o emprego. Hai quen desbota que sexa de capital público quen realice ese papel, como se fose unha herexía, porén non hai tanto que se investiron máis de 60 mil millóns de euros salvando a banca, e varios miles de millóns resgatando as concesións de varias autoestradas en Madrid. Por que se fai nun casos e noutros non? Depende do sector e do territorio afectado? Acaso existe unha dobre vara de medir para a nación galega?

Malia o dado positivo da sentenza, ao mesmo tempo hai na práctica pouca firmeza institucional e un ECE que non axuda demasiado (haberá modificacións ou aclaracións?). Atenderá o Governo as alegacións presentadas respecto das garantías de emprego e o mantemento da actividade nas empresas beneficiadas polo Estatuto de Consumidor Electrointensivo? No contexto actual e nos posíbeis escenarios futuros a mobilización laboral e social é fundamental. Así como manter o conflito presente na sociedade e tomar a iniciativa. Xa que empurran as decisións institucionais. Son aspectos esenciais para que o povo da Mariña de Lugo gañe esta batalla polo futuro.

https://obloguedemera.wordpress.com/