gusta perder

Firmas
Afonso Eiré

MOITOS politólogos teñen os apuntes caducados e tiran de tópicos. O PP “gaña grazas aos vellos”. Os vellos de agora non son os vellos de cando chegou Fraga Iribarne, aínda que é certo que a xuventude aposta máis polo nacionalismo.

Sen entrar noutras consideracións máis profundas, o PP gaña porque se presenta como rexionalista. Ademais é o partido do poder formado logo de 1936 e todas as forzas económico-sociais e institucionais xogan ao seu favor, así que a moitas persoas élles difícil votar contra o poder.

Pero tamén gaña porque ten a maior maquinaria electoral. A militancia máis extensa, máis fiel, capaz de realizar toda unha remuda xeracional familiar que é quen de perpetuar o vello caciquismo adaptado aos novos tempos, sabendo que é máis importante os intereses que os unen, que as diferenzas que os separan. Pola contra, o PSOE, en constante remuda de líderes, pero non de proxecto, nunca foi capaz de presentarse coma un partido galego.

Ao nacionalismo xa se encargan periodicamente de ilo esnaquizando mandando para a casa a miles de militantes. A xenreira dos exquisitos contra a UPG vén de ser un partido capaz non só de pervivir no tempo, senón de vivificar a todo o nacionalismo. E, agora, descobren que ten outra cara que a que eles lle pintaron, e entronizan a Ana Pontón coma unha rara avis. Esquecen, por exemplo, de Fernández Lores, ou de Evencio Ferreiro, ou de Francisco García, por citar tres alcaldes gañadores do núcleo duro da UPG.

Eles tamén son a mostra para desmentir outros dous tópicos: nin a “unidade de todos” é a ferramenta para acadar maiorías alternativas ao PP, nin o BNG é incapaz de conseguir votos dos caladoiros da dereita. Aí están ducias de concellos para desmentilo. Pero o seu grande celeiro estará na abstención.

GC Etc, non perdeu polas súas disputas, porque nunca existiu tal proxecto político, senón un xuntoiro de intereses de camaretas.

Galiza vota ao seu xeito. Moitas persoas con experiencia aínda teñen medo a perder. Sempre o pagaron caro.