Cascanoces

Joan Ribot

A sorpresa que me prepararon miñas irmás durante a viaxe que fixen a Sabadell hai uns días, esta vez, foi ir a ver Cascanoces. A compañía que a representou (Par de Dansa) é unha mestura de profesionais e de estudantes de danza novos, dirixida polo ex-bailarín principal do Ballet Nacional de Cuba (Rodolfo Castellanos).

Ao non entender demasiado de danza, eu desfrutei máis do primeiro acto e elas do segundo. No primeiro representan a historia na que Clara soña que o cascanoces que lle regalou seu padriño convértese en príncipe e ela en princesa, namóranse e logo teñen que defenderse duns ratos xigantes coa axuda duns soldados. No segundo, despois de vencelos, fan unha viaxe marabillosa ao Reino das Neves e o das Lambetadas, bailando músicas de todo o mundo.

Ao rematar, miñas irmáns comentaron que notaron algún fallo na interpretación, mentres eu, impresionado polas incribles movementos e a flexibilidade das bailarinas, ningún. Si coincidimos, en cambio, en que ver no entreacto aos cativos que había no teatro imitando os movementos que viron no escenario, foi espectacular. Estaba claro que ían a escolas de danza e que en moi poucos anos serían os protagonistas da obra.

A pasada polo escáner dos aeroportos sempre depara sorpresas. Na viaxe de ida, en Lavacolla rexistraron á moza que tiña ao carón, quen comentou que lle tocaba sempre a ela porque tiña o sangue doce. Na de volta, en El Prat, tocoume a min porque crían que a brocha de afeitar que levaba na mochila –medio de madeira, medio metálica– era unha bola de aceiro; dicindo eu que, de levar algunha, púxoma alguén como nas películas.

O martes axudei a miña irmá pequena, que traballa de animadora nunha residencia, a corolear 22 debuxos de hortalizas distintas: pataca, cabaza, cogombro, cenoria... Como non atopaba os debuxos das persoas maiores que fixeron o día anterior, dixo que tiñamos que pintalos nós, grampar cada un nunha cortiza e poñerlles un adhesivo co nome de cada un. O traballo levounos ao redor de dúas horas.

O último día puiden estar cun amigo da infancia, profesor de Dereitos humanos en Brasil, que estaba dando un seminario na Autónoma de Bellaterra. Comentoume que non entendía a postura dalgúns coas persoas inmigrantes, que son quen desenvolven os traballos que ninguén quere. Meus pais tiveron catro fillos –díxome–, os cales tivemos un total de doce, e estes un total de dous. Europa necesita dos inmigrantes.

O café cun amigo pasteleiro que levanta cada día ás cinco, tamén deu para moito. Ao falarlle do Cascanoces e da viaxe de Clara co seu príncipe ao Reino das Lambetadas sen parar de bailar, contestoume sen dubidalo: Irei a vela, de seguro!