Celebrando o Samaín

Firmas
Ruth Fernández

CHEGOU a fin do mes de outubro e con ela o Samaín, apuntándonos en Galicia ás tradicións típicas que enlazan esta data co Halloween estounidense, o que se reflicte nas películas onde vemos grupos de nenos que percorren as casas da veciñanza baixo o lema de ‘Truco ou trato’ procurando lambetadas. Cada ano somos máis os que nos animamos a desfrutar dunha festa que ten orixe celta e que convida a degustar doces típicos como a torta de cabaza. Os fornos están á máxima potencia, non paran estes días.

Foi sinxelo pillarme nas xornadas previas literalmente coas mans na masa, facendo a torta e tamén as galletas de dedos de bruxa que tanto gustan os amigos e familia. Terroríficas na aparencia, pero moi saborosas. Son o mellor apunte gastronómico destas datas, máis alá dos ósos de santo que as pastelarías poñen á venda con motivo do Día de Todos os Santos e que nunca me gustaron, talvez por conter demasiado azucre. Iso que son moi lambona cando de pasteis se trata! Trátase de poñer o doce no padal nestes días amargos nos que as visitas ós camposantos para levar flores se convirten nunha gran procesión de coches e persoas.

Parece ser que na orixe desta celebración do Samaín os pobos castrexos recollían as caveiras dos inimigos mortos na batalla, iluminábanas e poñíanas nos muros dos castros para espantar os espíritos que saían pola noite. Andando o tempo, comenzaron a preparar as cabazas, melóns, etc. coa mesma finalidade. Non só Irlanda, Canadá, Australia, Inglaterra e Estados Unidos festexan esta data. En Galicia cada vez ten máis adeptos e non só nos centros educativos cos concursos de decoración de calacús e desfile de disfraces. Vai máis alá. Polas rúas desfilan bruxas e vampiros, zombies e catrinas. De todo un pouco, o caso é unirse á celebración e así á diversión.

Tamén os maiores gozamos da festa caracterizándonos seguindo a súa temática tan escura e arrepiante. Entran calafríos nada máis ver algúns dos traxes e a maquixalle. Eu este ano decanteime pola figura da catrina e así acudín ó meu traballo na mañá do venres 28. Claustro de profesorado e alumnado ficaron abraiados. Non era para menos. Metía algo de medo coa pintura que me afundía a ollada e o esquelete do meu traxe.

Cóntase que nalgunhas aldeas galegas a tradición estaba moi arraigada, ó entender que as ánimas volvían ás súas casas para quentarse arredor da cheminea e comer acompañando ós seus pola noite, apartando a tristura da morte nesa xuntanza. Unha das tradicións era non recoller a mesa co fin de que se chegaban con fame puideran desfrutar dos alimentos. Tamén existía o costume de que as mozas levaran colares feitos de castañas para afastar os malos espíritos. Na actualidade seguimos celebrando o magosto en toda Galicia como unha festa con fonda tradición, na que o lume se convirte en algo sagrado, como tamén acontece na noite de San Xoán. Onde habitan as meigas xa se sabe...

Co Samaín festexábase o ano novo celta, a noite na que a luz deixaba paso á estación das tebras. Festexábase o cambio de estación e o final dunha colleita. Despedíanse de Lugh, deus do Sol. O Halloween bebe desta tradición pagá, crendo que nesta data se abría a porta a outro mundo. Estados Unidos celebra o Halloween ó grande coa súa noite de bruxas, Ribadavia a súa noite meiga. O caso é... pasalo de medo!