Cen anos de selección galega

Firmas
Afonso Eiré

O 19 de novembro cumpríronse cen anos do primeiro partido oficial da selección galega de fútbol. Xogaron en Vigo contra os representantes da rexión Centro abrindo o Campionato Interrexional. Gañaron os galegos por 4-1.

Unha selección, dun ou doutro xeito, forma parte non só do identitario dun Pais, senón tamén concita arelas e ilusións máis alá das deportivas. Soubérono ver moi ben algúns movementos de liberación africanos, como Arxelia, que usou a súa selección na batalla contra Francia pola súa independencia. Agora aprovéitano moitas mulleres do Golfo Arábico na loita pola súa liberdade.

Aquí, a dereita social apropiouse do deporte e a dereita política impediu que se consolidade a Selección Galega de Fútbol, na súa categoría profesional.

Cando o ditador Primo de Rivera se fai co poder, a Federación Española de Fútbol suprime o Campionato Interrexional e a maioría dos clubs comezan a anteporlle ao seu nome o de Real.

E xa non volveu a haber partidos oficiais, aínda que si xogaron combinados, nuns encontros organizados por particulares, case sempre con fins benéficos.

Logo veu o franquismo e todo foi prohibido até que o 28 de decembro do 2005 a Irmandiña volve xogar, en Compostela, nun partido impulsado polo nacionalismo.

Desde o ano 1980, víñase intentando. Ese ano estaba artellado un encontro contra Euskadi, organizado pola fundación Sustrayak, que levaba o combinado de Euskadi, e polo semanario A Nosa Terra. O intermediario fora o mítico Iríbar. Pero os servizos secretos españois, infiltrados na UPG, metéronse polo medio e frustraron o intento.

Chegou o 23-F cos seus recortes e as leis da Defensa da Constitución e da LOHAPA, que prohibían partidos de fútbol entre as seleccións autonómicas.

Derrogaron esas leis, de iure, que non de facto, e apareceu Fraga Iribarne como presidente. Cando en catro ocasións lle reclamei a posta en marcha da selección contestoume que era “unha baza identitaria que só beneficia ao nacionalismo”.

Hoxe estamos na mesma.