Chámalle tontos aos
de Madrid

Afonso Eiré

XA o dixo Xosé María Aznar: “o modelo de Madrid que practica Ayuso enténdeo todo o mundo”.

Enténdeno tan ben que Díaz Ayuso e o PP, que ven gobernando hai mais dun cuarto de século, non só gañaron as eleccións senón que acadaron moitos máis apoios.

Foi, precisamente, ese modelo, creado polo propio Aznar cando era presidente do Reino de España, o que colocou a Madrid onde está, económica e ideoloxicamente, que ambos conceptos van emparellados.

En Madrid non só actúan as clases dominantes, que condicionan de xeito imperceptíbel ás clases dominadas, senón que ao ser o cerne dun Estado imperialista fai que grande parte da súa poboación asuma os seus postulados.

Este deseño do Estado, que abala tamén o PSOE, potencia a concentracións de institucións públicas en Madrid, pero tamén as grandes empresas privadas. E, a burocracia, así o analizaron múltiples estudosos, sempre está ao servizo da clase dominante.

O 29 % dos empregados públicos estatais concéntranse en Madrid. O 72 % dos contratos públicos absórbeos a capital.

Tamén concentra unha quinta parte da renda estatal, que está moi por encima da do resto do estado e aínda supera con creces a media europea.

Tamén acada o 19,2 % do PIB, no 1,6 % do territorio. Case o 50 % das 1.000 maiores empresas teñen a súa sé en Madrid e alí pagan os impostos. Por exemplo, as enerxéticas que operan en Galiza tributan en Madrid os 296 millóns que debían reverter na nosa comunidade.

E os servizos, mesmo os máis perigosos e degradantes para o territorio e os cidadáns, xa os pagamos e sufrimos os de fóra.

E, para completar o panorama, sen esquecer o efecto radial das comunicacións, a capitalidade compénsalle a grande redución de impostos. As rendas altas é onde pagan menos impostos tanto no IRPF coma nas sucesións e doacions, pero tamén as baixas pagan catro puntos menos de IRPF. De facto, Madrid é un paraíso fiscal.

Todo o demais son lerias dos politólogos que fan e desfán teorías para seguir cobrando dos partidos políticos aos que asesoran.