Como é posíbel!

Firmas
Afonso Eiré

“QUE mundo, señor que mundo...!”, laiábase a señora Dosinda cando o que acontecía non cadraba co que ela pensaba. E sempre remataba logo: “... E nós todos aquí tan tranquilos, rediola!”.

Eu teño que exclamar o mesmo: “Que mundo, señor que mundo!. Os pacifistas aplaudindo mandar armas para conseguir a paz e os progresistas apoiando a censura para impedir a propaganda.

Se os progresistas celebran a censura é que as dereitas non só instalaron xa o seu marco ideolóxico, senón que teñen desmantelado calquera pensamento crítico.

Cedémoslle aos poderosos non só ser os árbitros das palabras, senón o converterse en donos das mesmas verbas, do seu significado.

A prohibición das cadeas estatais rusas de información, anunciado primeiramente polo presidente da Comisión Europea e establecido logo polo Regulamento UE 2022/350 do Consello de Europa, é o atentado a liberdade de información maior que vimos nos nosos tempos.

Segundo a directiva UE 2018/1808, nin o Consello, nin a Comisión, nin ningunha outra institución europea teñen competencias para pechar medios de comunicación e, menos, coa desculpa de “loitar contra a desinformación e a propaganda rusas”.

Terían que ser os xulgados quen o decidisen. Deberían presentar causas concretas e os medios poderían alegar e defenderse. Pero non houbo tal.

Atentaron contra os nosos dereitos fundamentais, ignoraron as constitucións, sen que os gobernos, pero tampouco a sociedade civil, fosen quen de mobilizarse, creando un precedente de incalculábeis consecuencias.

Como nun conflito xeopolítico toda información é propaganda e, como as nosas sociedades xa están axeitadamente anestesiadas, a UE anuncia a promulgación dunha lei que lle permita “detectar e corrixir narrativas contrarias aos intereses europeos”, afirmando que xa conta cos “instrumentos necesarios para facelo”.

Non só practican a censura, senón que tamén poñen en marcha unha macro-escoita aos políticos nacionalistas co sistema Pegasus.

A lei do silencio cómplice pode tapar bocas, pero non impedir o fedor.