Costumes de Nadal

Firmas
Ruth Fernández

CHEGA o Nadal e con el as grandes ceas, hipercalóricas xuntanzas nas que os brindes se suceden e a ilusión é a mellor gornición para os pratos cociñados. Na meirande parte dos fogares galegos non faltan os peixes e o marisco, tampouco os carneiros asados ó forno ou na pota, facendo que toda a casa ula a festa.

Cando chegan as sobremesas somos conscientes de que comemos demasiado, pero aínda así non renunciamos ós turróns e outros doces típicos desta celebración. Os polvoróns e mantecados comparten bandexa con figos e froitos secos, con mazapáns e outras delicias que agardan pola copa de cava ou de champagne para esvarar pola gorxa nunha viaxe que se repite dende Noiteboa ata o día de Reis sen tregua.

E queixámonos un ano detrás doutro, asegurando medir máis as cantidades e non pasarnos co azucre e o alcohol, ata que nos atopamos de cheo mergullados no Nadal e tan só sabemos ir cara adiante, brindando e excedendo, pensando en apuntarnos a un ximnasio en xaneiro se non o fixemos xa cumprindo o propósito do ano anterior.

O menú pénsase con antelación, pero non se pecha por completo, agardando a ir ó mercado e atopar na peixería o que desexamos para o día 24. Ás veces prodúcese o milagre e alí está o que buscabamos. Noutras ocasións nin o conseguimos encargándoo. Todo depende do estado do mar e da oferta e da demanda. Todos queremos do mesmo para esa noite, o que dificulta o acceso a certos alimentos.

Compensa mercar con anterioridade e conxelar o marisco? Hai opinións para todos os gustos. Pero tampouco é indispensable para esa noite. Hai moitas máis opcións para poder facer unha cea fantástica. Non esquezamos tampouco que se trata máis ben de estar acompañados da xente que queremos, da familia, e de que arredor da mesa haxa amor. Ese é o ingrediente que non pode faltar nas ceas de Nadal.

Deste xeito, aínda me lembro do Fin de ano vegano que celebramos na casa dos meus pais hai algún tempo. Foi unha maneira diferente de despedir o ano, tan só unha proposta que decidimos aceptar por unanimidade e que non desgustou a ninguén. O menú foi laborioso, apostando por pratos un tanto complicados e levando a decisión de non incluír nada de orixe animal ata o último extremo: elaborando na casa os doces.

Son días de estar en familia, de xuntanzas entre pais e fillos, de volver á casa coma o turrón de El Almendro. Quen non se lembra dos seus clásicos anuncios publicitarios? Pero este ano a sociedade está a sorprender ó sector da hostalería, ó reservar gran cantidade de locais para celebrar fóra da casa non só o Fin de ano, senón tamén a Noiteboa, unha cea que sempre tiña como espazo escenográfico o da casa e máis ó atoparnos fóra do lugar de orixe o resto do ano.

Seguramente é unha decisión que vén da experiencia vivida coa pandemia. Os restaurantes colgan o cartel de completos con ese tipo de reservas e as ceas de empresa, que xa volven ser coma antes, aínda que o covid siga entre nós. É algo que xa temos aceptado.

Ultimamos as compras de Papá Noel que axiña colocaremos debaixo da árbore, mercamos algúns agasallos de Reis e probamos sorte con novos números da lotaría do Gordo. Dicimos que non compraremos máis, pero ó ver un número que nos gusta e queda gravado na retina non facemos outra cousa que abrir a carteira e caer de novo. E se é este? Sorrimos.