De Madrid ao mundo

Afonso Eiré

“GALIZA está a 50 minutos máis preto do mundo”, titulaba un xornal a información da apertura dun tramo do AVE en Zamora. Preguntábase o veterano xornalista e profesor Luís Álvarez Pousa se era un “desnorte profesional ou reflexo de Pavlov”. Eu creo que é o reflexo dunha mentalidade, dunha ideoloxía que pon a Madrid como centro do mundo, pero tamén dunha realidade que aferrolla a Galiza e a fai dependente.

Galiza, desde tempos inmemoriais, sempre se relacionou co mundo pola súa conta, antes de existir Madrid e de existir España. Aí están os intercambios dos galaicos co mundo Mediterráneo xa moito antes de chegar os romanos. Pero tamén cos mundos Celta e con todas as culturas nórdicas, como demostran recentes achádeos arqueolóxicos.

As nosas autopistas foron sempre as do mar, e, como afirma acotío outro insigne xornalista e navegante, Gustavo Luca de Tena, “Galiza nunca foi periferia, senón centralidade: por Galiza sempre pasaron as principais rutas de comunicación mundiais”. Por non falar xa da grande ruta terrestre: o Camiño de Santiago.

Pero tamén é certo que o Estado centralista e centralizado deseñou unhas comunicacións radiais, que por estrada, que por tren e, aínda, polo aire, que nos fan pasar polo centro da península. Menos mal que Madrid non ten porto nin praia!

Así que hoxe seguimos non só a depender das comunicacións con Madrid, desprezando, por exemplo, o Eixo Atlántico, par ir ao Norte de Europa ou para chegarnos aos nosos barcos que andan polos mares do mundo, ou para emigrar máis comodamente. Os únicos que non pasan por Madrid son a exportación de coches.

Por iso se gaba ao AVE, que chega, cando chegue, con ducias de anos de retardo, pero, sobre todo, se desprezan as comunicación entre as nosas bisbarras e cidades. Cada mellora que se fai dos servicios a Madrid vai en detrimento das comunicacións galegas de media distancia, como denuncia a CGT. E os traballadores e estudantes manifestan que carecen dun servizo axeitado e recollen sinaturas nas redes.

E moitos aínda pensan que sen Madrid non somos nada!