Dependentistas

Afonso Eiré

ESTÁN a conmemorar con diversos actos os corenta anos da autonomía galega.

Cando se constituíu o primeiro Parlamento, escribíamos que a cidadanía non sabía o que estaba a ocorrer en Santiago e preguntabámonos se, andando os anos, sería esta unha data significativa ou non para os galegos.

O pobo galego non fixo acto de presenza no Obradoiro. Había unhas 300 persoas agardando o final do acto. Pero non eran partidarias da Autonomía. En troques de aclamar aos deputadas á saída, os berros que tiveron que escoitar foron os de “idioma galego, idioma oficial; non a emigración...”. E outros semellantes. Consignas propias dos nacionalistas.

Tampouco apareceron aquel día por Compostela os representantes do Goberno central (UCD), que si o fixeran no País Vasco e Cataluña. Nin o presidente do Parlamento español. Nin as autoridades eclesiásticas. Nin as máximas autoridades militares. Todos tiñan confirmada a súa asistencia.

Estaba claro que Galicia era unha autonomía de segunda.

Barreiro Rivas, voceiro de AP, descualificou o discurso do candidato a presidente e membro do seu partido, Fernández Álbor, e afirmou na tribuna, contradicindo ao propio Estatuto e a Constitución, que “para nós Galicia segue ser unha rexión”.

Escoitando corenta anos despois aos representantes daqueles partidos nestes actos, non lle falta coherencia, e tanto teñen os do PP coma os do PSOE. Seguen defendendo a autonomía como algo outorgado, negando a singularidade de Galiza e apostando polo “café para todos”: Galiza segue a ser unha rexión.

E falan de concordia... Ula? No primeiro regulamento pactaran que os deputados do Bloque-PSG poderían formar grupo parlamentario. Pero houbo un trasacordo impulsado polo PSOE. Finalmente eses deputados foron expulsados, aplicándolles a lei retroactivamente, por non xurar a Constitución.

Por non falar da teima de Iglesías Corral por ser presidente do Parlamento ou o balbordo de Francisco Vázquez pola capitalidade.

Afirman que a vida dos galegos mudou nestes corenta anos. Pero canto podería ir a mellor se non fosen uns dependentistas os que gobernasen.