Do tres por cento ao esperpento

Joaquim Ventura

Ás veces cómpre situar certas noticias nun punto do tempo concreto e facer o recorrido á inversa para poder ver como se chegou a elas. É o caso dunha conta de Twitter aberta hai uns días co nome de Joana Masdeu e que supostamente correspondía a unha xornalista acreditada no parlamento catalán. Unha conta que apenas durou tres días -entre os pasados 23 e 26 de outubro- e que serviu para argumentar que as críticas contra Laura Borràs e o seu escudeiro Francesc de Dalmases non resultaban procedentes.

Sitúo aos lectores no asunto. No mes de xullo, nun programa de TV3 chamado FAQS (Preguntes freqüents) unha das súas xornalistas entrevistaba a Laura Borràs. A suspendida presidenta da cámara catalá, que sempre tivo todos os ventos a favor (coñézoa de hai anos, desde os tempos do meu doutoramento), considerou que aquelas preguntas, máis ca unha entrevista, constituían un interrogatorio. Rematado o programa, o deputado e dirixente de Junts per Catalunya (e tamén xornalista) Francesc de Dalmases -que está feito da mesma materia que Borràs- colleu dun brazo á periodista en cuestión -Mònica Hernández- e encerrouse con ela nun camerino dos estudos da televisión pública catalá, onde lle berrou polo seu proceder.

Coñecida a situación irregular, amais das críticas externas, o propio partido encargou un informe interno á coñecida avogada Magda Oranich, cuxo resultado foi considerar que o comportamento de De Dalmases resultou, como mínimo, intimidatorio cara á xornalista de TV3. Amais, a letrada confesou que tivo presións da propia presidenta suspendida á hora de elaborar o documento. A súa inmediata publicación en Nació digital non sentou nada ben no círculo de Borràs.

Un dos seus colaboradores -segundo se soubo despois- abriu a conta citada con ese nome falso. Pero, claro, se hai un gremio cuxos membros se coñecen a diario é o dos xornalistas de información parlamentaria e entre eles non había constancia de ningunha Joana Masdeu. Un apelido que seguramente foi elixido pola credibilidade que ofrece Jaume Masdeu, veterano xornalista que foi correspondente de TV3 e de Catalunya Ràdio en Bruxelas durante vinte anos.

Está claro -por se non había evidencias dabondo- que a guerra entre os dous sectores de JuntsXCat vai con coitelos na boca. Ambos bandos están encabezados por sendas persoas sen apenas capacidade de manobra institucional: Laura Borràs, suspendida polo seu procesamento xudicial, e Jordi Turull, inhabilitado pola sentencia (malia o indulto) polo procés.

Unha situación agravada despois do congreso celebrado no pasado verán. E aínda máis pola votación interna de hai unhas semanas para deixar o goberno de coalición con ERC despois que o portavoz parlamentario de JuntsXCat pedise ao president, Pere Aragonès, que se sometese a unha moción de confianza. Unha situación surrealista que nin Dalí, Breton e Buñuel xuntos poderían imaxinar.

JuntsXCat, suceda o que suceda, é un xoguete roto. Definitivamente roto malia os xogos malabares de Turull para que siga con vida. A escisión entre os sectores “rebentador” e moderado (xene converxente) está cantada, á espera que se consume coa esperanza de tirar bos resultados nas municipais cos votos dos independentistas irredutibles, desconfiados da política de pactos que ERC defende co goberno Sánchez, xa que logo verbo do delito de sedición. Esa é a estratexia que desde Bélxica defende Carles Puigdemont xa que -caso dun acordo ERC-PSOE- quedaría á intemperie en Waterloo-Bruxelas. O problema é que para rebentadores xa están os seus cadelos das CUP, boa parte dos cales -malia a maquillaxe de esquerda radical- son fillos do pujolismo.

Polo menos, o sector pragmático de Junts pode respirar pola fuxida a tempo desde tal contorna. Despois de anos de instrución, a Fiscalía pide penas de ata vinte anos de cadea aos procesados pola financiación irregular de CDC (o xa famoso 3%) e unha multa de tres millóns para o PDECat, o seu herdeiro, amais doutras persoas xurídicas. Entre os trinta procesados, uns dez viron rebaixada a petición fiscal pola súa colaboración (nada hai por defender nesta altura). Algúns poden acabar na cadea pero teño dúbidas que as eventuais multas poidan seren abonadas. No fondo, un aviso a navegantes. Aquelas políticas foron posibles noutras condicións sociais e grazas á dopaxe ilegal que pagaban algúns empresarios de obra pública. E iso é pasado.