Falemos dos garavanzos

Firmas
Afonso Eiré

FRAGA IRIBARNE gustaba de dicir: “falemos dos garavanzos”. Pois ao PP semella que non lle interesan hoxe por hoxe as “cousas de comer”, que tamén diría o político de Vilalba.

Se ollamos os últimos Consellos da Xunta vemos que non existe ningunha medida que poda incidir ao xeito no benestar dunha parte dos galegos e libralos, en certo xeito, dos rigores da inflación cataplineira. Están no seu mundo: subvencións ás bicicletas eléctricas con 700 euros!

E se escrutamos os discursos no Congreso dos Deputados, podemos comprobar que, por máis que Núñez Feixóo prometa unha e outra vez falar de economía, teiman no seu monotema: ETA.

É algo recorrente desde que fundaron AP aqueles próceres franquistas, propoñendo invadir Euskadi. Facíano cando o terrorismo estaba nun punto álxido e fano dez anos despois de ter desaparecido. Só aplican os manuais da desinformación: procurar un tema simple que oculte calquera debate complexo.

Certo é que pasaron por outras épocas, como cando J.M. Aznar falaba do “Movemento de Liberación Vasco”, ou como cando o PP demandaba unha e outra vez que HB participase no Congreso porque “pódese defender calquera postura desde a palabra”.

Todo depende se eles están no Goberno ou na oposición, se levan ou non a iniciativa política. Se perden o control das institucións, recorren non só á mentira sistemática, senón á visceralidade de parte da sociedade. Na práctica regresan ao discurso golpista de cando o período republicano.

O PP está a defender hoxe, botando man dun terrorismo inexistente, non só a memoria dos vencedores franquistas, ETA é un pretexto, senón os privilexios que acadaron no pacto Constitucional de 1978 as clases dominantes españolas.

Cando se destapa o xeito de actuar deste partido, coa súa corrupción, pero tamén de certos policías, xuíces, medios de comunicación e xornalistas a soldo, preséntase como unha anécdota, cousa de catro personaxes. Pero como dixo Benxamín Prado, “non son os sumidoiros, son os cimentos” dun Réxime.