O canto da cuca

Xosé Manuel G. Trigo

ENTRE o feixe de mulleres ás que se lles deu asento e contento nos órganos de mando do PP saído do congreso de Sevilla, non está Cayetana Álvarez de Toledo. Vese que a muller intelectual é moi pouco apetecible para os homes públicos. É Políticamente indeseable, como se queixa o título do recente libro de dona Cayetana, no que (xa na primeira páxina) ela invoca a figura do conde-duque de Olivares, que é o prototipo do político ao que non lle gustan as mulleres de intelecto: “Las monjas son para rezar y las mujeres son para parir”, dicía Olivares, segundo eu lin hai moito nun ensaio de Marañón, o mellor biógrafo do valido mentres non chegou John Elliott (que por certo acaba de irse).

Que pena que Nicolás Maquiavelo, á parte de ter escrito O príncipe, que tanto lle agradecemos, non escribise ao mesmo tempo A príncipa (concédaseme licenza para cometer esta prevaricación morfémica seguindo a moda da inverecundia gramatical), para que puidésemos dispoñer dunha afincada tipoloxía das mulleres políticas, do mesmo xeito que nos deixou o bestiario do uomo politico: león, lobo, raposo... O que pasa é que daquela a muller aínda non entrara en política; estaba na casa a zurcir (domum mansit, lanam fecit, contan os cultos daqueles días).

Nunha hipotética fauna feminina do politólogo florentino Cayetana pertencería á curuxa, que segundo unha longa tradición simboliza a (funesta) manía de pensar. Á curuxa política dálle por pensar e isto incomoda moito a todos os homes de paixón polo mando, desde o poder teocrático até o “teodorocrático”, neoloxismo co que Álvarez de Toledo aguilloa ao pobre Teodoro.

Feijóo ben puido facerlle niño a Cayetana para darlle un toque hegeliano ao seu proxecto, para que alguén poida poñer a luz dunha idea no escuro destes tempos. “A curuxa sempre ergue o voo á noitiña” –dixo o filósofo de Stuttgart–, porque á noitiña, cando a gandallada dos asesores van de copas e deixan en soidade ao seu líder, é cando el máis podería aproveitar a idea dunha curuxa.

Pero á beira dun político sempre
se reconchegan outras especies voa-
doras (e incluso volátiles) dese libro que Maquiavelo nunca escribiu (ao
mellor escríboo eu), coma a cuca, a parella do cuco e antagonista da curuxa. Un político que non ten oído para o canto da cuca corre o risco de aca-
bar cantando unha canción triste.

Ollo e oído ao canto das cucas en po-lítica, porque é un canto sen melodía.
Só ten o número do favor €urótico e a letra do furor PPesebrino. A cuca –co-ma o cuco– ama a quentura salarial das pallas do partido, e de seguido cánta-
nos a canción das virtudes da muller
caladiña. Menos mal que sempre nos quedará algunha curuxa.