O centro de saúde na túa casa

Afonso Eiré

ACHÉGASE á farmacia. Agarde fora en ringleira. Merque un test de antíxenos se o hai; senón, procure outra farmacia. Volva para a casa. Fágase a proba. Se da negativo, non se fíe. Ten que repetir logo de dous días, non vaia a ser... Se sae positivo chame ao seu centro de saúde, comunique a súa enfermidade, demande a baixa para non acudir ao traballo, ao mesmo tempo tramite xa a alta. Cal é o problema? Que na maioría dos centros de saúde tes que agardar polo menos oito días para falar con eles.

Se está preocupado tome un tranquilizante. Se ten febre un parecetamol. Se non pode consigo, métase na cama. Automedíquese. Sexa bo cidadán, íllese de todas as persoas.

Iso se anda pola cidade. Se vive na aldea todo é moito máis complicado..., e moito máis caro.

O presidente Núñez Feixóo comínanos cun “cúrese vostede mesmo e teña paciencia”. Os seus gábano como “grande xestor”, pero como afirma o médico Xosé María Dios, “non se pode facer máis con menos”.

Porque, desde que chegou á presidencia da Xunta, Núñez Feixóo ven minguando o orzamento que destina a atención primaria. Así, até chegar a este ano no que, malia ao aumento do PIB, ás necesidades pola pandemia, e o diñeiro transferido polo Estado, a Xunta destina 74,8 millóns menos que no ano 2009, o último orzamento do bipartito PSOE-BNG.

Galiza está atrás de todo en gasto na atención primaria con 182,3 euros por habitante. Só o supera Madrid, unha que tal baila, con 147,3 euros/habitante.

O que si aumentan ano tras ano son os cartos para os concertos coas multinacionais da sanidade. Un grande negocio pois hoxe, ademais, o 20% da poboación galega xa contratou un seguro privado.

Desde que chegou Núñez Feixóo á Xunta, os seguros privados fóronse acrecentando ano a ano: comezaron con dez mil e xa están nos vinte mil anuais.

Quen diría que a sanidade galega ía rematar collendo aquel famoso retrouse de “fágao vostede mesmo”. Traballadores e usuarios demandan “dignidade na atención primaria”. Piden “menos conto e máis cartos”.

Os ricos con médicos privados, os pobres privados de médicos!