O desorde dos incendios

Firmas
Afonso Eiré

TRES fotos, tres, perseguirán a Núñez Feixóo toda a súa vida sen que se dea zafado: co narco Marcial Dourado, abrazado ao presidente de Iberdrola e regando un lume cunha mangueira vestido de pijo madrileño.

Agora, xa en Madrid, mudou o acento pero non o seu discurso sobre os incendios: segue a falar de “trama incendiaria”, para salvarlles a cara aos gobernos do PP.

Quen si o trocou foi o seu substituto Afonso Rueda. Non se xustifica co das tramas, senón que razoa sobre as “causas estruturais”. E acerta. Acerta pero non fai nada, porque para atallar os lumes de vez, tería que darlle a volta como un calcetín a toda a política da Xunta, comezando pola agraria.

Pórlle fin aos lumes desbastadores leva consigo volver a un rural vivo, revertendo o seu abandono e trocando as políticas que apostan polo cultivo de especies de crecemento rápido.

Non é situación que se poda mudar nunha ou dúas lexislaturas, nin se poderá realizar sen arrecantar a concepción dunha Galiza subsidiaria e submisa.

O Goberno galego, digno de tal nome, veríase na obriga de apostar pola soberanía alimentaria e a transformación das nosas materias primas aproveitando ao xeito as enerxías renovábeis, facéndolle fronte as políticas ditadas en Madrid e Bruxelas cando cumpra.

Mentres tanto, o que poderá realizar Afonso Rueda desde a presidencia é paliar a falta de medios técnicos e humanos que agravan aínda máis a deriva desastrosa do rural galego. Diversificar e rentabilizar as actividades realizadas no monte, así como a súa ordenación, que non todo ten que ser arboredo

E, sobre todo, debería ser eficiente na loita contra os incendios. As condicións climáticas condicionan maiormente a extensión queimada, polo que non se pode enfrontar unha vaga de calor coma esta coa metade das brigadas helitransportadas realizando aínda cursos preparatorios e a maioría das brigadas municipais sen contratar.

Os incendios hai que apagalos no inverno!, claman os forestais.

Os mocro-incendios son o retrato dunha política, como as tres fotos de Núñez Feixóo son o retrato dun político.