O fenómeno Caballero

Firmas
Afonso Eiré

ABEL Caballero, alcalde de Vigo, é un fenómeno..., político. Conseguiu, en menos de dez anos, situar á cidade como a de maior calidade de vida de todo o estado.

Así o determinou a súa veciñanza nunha enquisa realizada pola Organización de Consumidores e Usuarios (OCU). Hai dez anos, nesas mesmas enquisas, situaban a cidade olívica entre as peores de toda a península.

Pero o mérito do alcalde é maior se temos en conta que en todos os estudos que realizan os distintos organismos sitúan a Vigo alá ao fondo da tabúlela.

Así, o Índice de Desenrolo Humano (IDH) realizado pola ONU, coloca a Pontevedra como a primeira de todo o Estado, seguida por Girona, Gasteiz e Logroño.

Se imos aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS), Pontevedra aparece como un das mellores cidades, xunto con Huesca, Gasteiz e Almería.

Se recorremos ao INE, aparecen entre as primeiras Pontevedra e A Coruña. No Informe sobre o emprego, ocupan o primeiro posto Madrid e Barcelona. Na accesibilidade, os primeiros lugares son para Ávila e Lugo. Na historia, tamén Ávila e Córdoba. A máis económica é Palencia.

No informe do banco HSBC, as mellores cidades son Madrid, Barcelona e Marbella. No da Fundación BBVA, Ibiza, Barcelona e Donostía. No do Grupo Vocento; Madrid, Barcelona e Salamanca. No Expat City Ranking, Valencia, Alacant e Málaga. Poderíamos seguir, pero Vigo non aparece en ningún estudo entre as mellores cidades para vivir do Estado.

Como logrou Abel Caballero que a veciñanza de Vigo, mudase a percepción sobre a súa cidade? En primeiro lugar, cunha grande cantidade de propaganda, pagada polas distintas concesionarias de servizos que publicitan todo o ano o marabilloso que é Vigo. En segundo lugar, promovendo o localismo á contraría.

Un veciño, que hai pouco se manifestaba na rúa Torrecedeira contra a inseguridade, a falta de limpeza das rúas, abandono dos xardíns e o peche da gardería municipal, defende que Vigo é a mellor cidade. “E porque imos ser menos que Pontevedra ou Santiago?”, argumentaba.