O futuro de Junts per Catalunya

Joaquim Ventura

Esta pasada fin de semana Junts per Catalunya celebrou o seu segundo congreso. O lugar, Argelers, en terras catalás de Francia, o que permitía a asistencia do presidente saínte, Carles Puigdemont. Tamén remataba mandato e sen optar á reelección, Jordi Sánchez, secretario xeral do partido desde 2020, cando aínda estaba na cadea, e que desde 2015 presidira a ANC.

En teoría, este congreso -de feito a súa primeira parte: a sesión máis ideolóxica e programática vaise celebrar en xullo- tiña que ser o da consolidación do partido despois do congreso fundacional celebrado en 2020. Lembremos que Junts naceu coma coalición electoral a partir, coma núcleo principal, do PDeCat, partido continuador de Convergència Democràtica de Catalunya, partido forzado á disolución despois de diversos casos de corrupción, xa que logo os derivados do “caso Palau” e do “caso Pujol”.

Na coalición participaban tamén diversos colectivos e persoas de orixes diversas, incluso do ámbito da esquerda independentista. E foron as friccións entre unha parte do PDeCat -que quería manter a fórmula de coalición- e o resto de sectores, liderados por Carles Puigdemont, as que provocaron a ruptura e a constitución dos segundos coma partido, arrastrando con eles á fracción máis radical do primeiro. O obxectivo -malia a retórica unilateralista- era conservar a hexemonía dentro do campo independentista que conseguiran nas eleccións de 2018, con Quim Torra coma presidente da Generalitat.

Despois da inhabilitación de este en setembro de 2020, o seu substituto provisional, Pere Aragonès, tivo que convocar novas eleccións. Celebradas estas en febreiro de 2021, e malia ser o PSC o partido máis votado, ERC -segunda formación en votos- liderou a formación dun novo goberno con Junts per Catalunya. O PDeCat restante (“de orde”) ficou sen representación.

No proceso congresual previo, en novembro de 2020 celebráronse unhas eleccións primarias coas candidaturas de Laura Borràs (próxima a Torra e arribista evidente) e Damià Calvet, apoiado daquela polo sector procedente da antiga CDC. Cunha alta participación (76% dos afiliados), o resultado foi claro a favor da primeira: 2954 votos fronte a 799. Calvet, político de fondo e de longa traxectoria (desde concelleiro da súa localidade natal a conseller de Territorio), foi “recompensado” uns meses despois coa presidencia do Porto de Barcelona.

Laura Borràs aparecía daquela coma a futura presidenta da formación pero aturaba dúas pedras na mochila: o previsible xuízo contra ela por fraccionar contratos durante a súa etapa coma directora da Institució de les Lletres Catalanes e mais a súa actuación na inhabilitación xudicial do deputado da CUP Pau Juvillà. Engadíase a iso o nulo control do partido, dedicada como está a darse publicidade polas redes sociais e non a visitar ás agrupacións locais e de barrio.

Perante a posibilidade de chegar ao congreso co partido dividido, o sector post CDC forzou unha candidatura unitaria e presentou a Jordi Turull -outro político experimentado e encarcerado por sedición- para o cargo de secretario xeral. Xa inaugurado o congreso de Argelers, a militancia confirmou a proposta pero cunha participación de apenas un 37%. Amais, como a votación era para cada un dos cargos, Borràs quedou en terceiro lugar, por detrás de Jordi Turull e da alcaldesa de Vic, Anna Erra. Para colmo, o candidato de Borràs para a secretaría de organización, o concelleiro de Badalona David Torrents, non obtivo os votos necesarios (o 50%).

Non vexo eu que haxa vimbios para tecer un queipo cara ao futuro. A reiteración da retórica unilateralista non poderá neutralizar a aposta pragmática de ERC co goberno de Pedro Sánchez. Doutra banda, e coas eleccións municipais no horizonte, Junts dificilmente poderá defender un novo pacto co PSC para participar na Deputación de Barcelona en detrimento de ERC.

Outro problema a engadir é que, de maneira ben distinta aos tempos de CiU, hoxe os sectores económicos cataláns non teñen quen actúe de interlocutor co goberno de Madrid. ERC non os representa nin os pode representar e os actuais catro deputados do PDeCat non poden asegurar unha representación futura que lles dea garantías para exercer tal papel. E polo de agora, menos aínda a conexión dos sectores máis poderosos coa representación do PP mentres este non estea na Moncloa. Se Junts non remonta, o pacto das esquerdas (PSC, ERC e ECP) está cantado.

Joaquim Ventura