do 2020

Firmas
Afonso Eiré

OS sen voz esixen “poder respirar!”. Ese é o berro que comezou a soar por toda a xeografía dos Estados Unidos, recollendo as últimas palabras do asasinado George  Floyd, que, unha semana despois, ecoa no mundo enteiro. Un berro que se tornou nunha guerra cultural polos dereitos humanos, na que participan unha heteroxénea mestura de idades, xéneros, orixe, clases sociais e, tamén, razas.

“Poder respirar”, é un berro desesperado para derrubar o xugo desta nova fase do capitalismo.  Unha rebelión de clase, aguilloada polo racismo e o terrorismo racial.

A clase dirixente americana non foi quen de garantir a mínima xustiza social aos negros, acentuándose as desigualdades coa chegada de Donald Trump á Casa Branca.

Máis ilustrativas que as estatísticas son as imaxes e os discursos na esfera pública. O 1 de maio, Donald Trump afirmou ante a entrada de homes armados no Parlamento de Michigan: “Están enfadados, pero son boa xente”.

Ao comezo das protestas pola morte de Floyd o mesmo Trump cualificouno de “terrorismo doméstico” e ameazou: “Se comezan os saqueos, comezan os disparos”.

Logo da vitoria de Trump os grupos supremacistas, neonazis e a chamada dereita alternativa, non só se sentiron lexitimados, senón aguilloados para tratar de impoñer na rúa e pola forza, as políticas racistas-clasistas.

Loxicamente, xurdiu un movemento contestatario, os Antifa, que cren na acción directa contra o autoritarismo, a homofóbia, o racismo e a xenefóbia. Trump noméaos terroristas, e o FBI así os trata, aínda que recoñeza nos seus informes, que os supremacistas brancos son “unha ameaza prioritaria para a seguridade nacional”.

Os EE.UU. son o grande espello no que se enxerga o mundo, pe-
ro as mesmas políticas da dereita alternativa, o mesmo desprezo
polos dereitos humanos, as mesmas tácticas, son as que ensaian no cono sur americano e, tamén, varios grupos e aínda gobernos
en Europa. En España aí está Vox e unha parte do PP, que defenden a mesma ideoloxía e poñen en marcha semellantes estratéxicas, aínda que se enfaden se lles chaman fachas.

Atentos ao outono!