O pasado non se foi

Firmas
Afonso Eiré

SABEN aquel que dixo: “Non hai uso partidista das institucións, é preciso reemprazar aos que deixaron os cargos. Feixóo é a mellor opción para defender a Galiza no Senado”. (Pedro Puy voceiro do PP no Parlamento).

Seis meses despois, Feixóo non se lembrou para nada de Galiza no seu novo posto. Tivo catro iniciativas en medio ano, dúas para preguntarlle ao presidente Sánchez e dúas para contestarlle.

Saben aquel que dixo: “Reclamo a comparecencia de Sánchez no Senado para enfrontarme con el cara a cara”. ( Núñez Feixóo, Carballeira de San Xusto. agosto).

Na reunión da Mesa do Senado desta semana, o PP non pediu a comparecencia de Sánchez, para que así Feixóo se enfrontase con el “cara a cara”, como realizaron outros grupos. Resulta que seica a táctica agora dos seus asesores é non “sobreexpoñelo tanto”.

Logo do primeiro debate, desde o PSOE decidiron mostrar as feblezas de Núñez Feixóo, aquel que só quería falar de economía e se esqueceu, e optaron con enfrontalo con Sáchez todas as veces que fose posíbel. Agora son os de Feixóo os que non queren. Láianse de que non teñen o tempo de intervención suficiente. No PSOE están por concederlle o que queira: “canto máis fala, máis erra”.

En Madrid, Feixóo, sexa no Senado, sexa nas declaracións, perdeu parte da blindaxe que tiña nos medios de comunicación en Galiza, cando chamaban para amañar o seu “discurso”.

Así, agora, Feixóo pode ir de “moderado” en Madrid, meu santo. E aínda criticar os “insultos continuos” e dar leccións sobre violencia machista.

Quen se lembra daquel día que lle contestou a Ana Pontón: “Vostede non quere que me vaia porque lle vai entrar unha crise de ansiedade”.

Ou aquel outro debate parlamentario que, non sabendo por onde saír, lle dixo á voceira nacionalista: “Vostede o que está e moi necesitada”.

Cito só dous insultos machistas, mentres falaba de “violencia intrafamiliar”. Hai outros moitos máis nos diarios de sesións. Mágoa da falta de espazo.

Malditas hemerotecas!