Os 108 de Feixóo

Firmas
Afonso Eiré

CALES son os 108 de Núñez Feixóo? Son eses proxectos que a Xunta aprobou e llos remitiu, hai dúas semanas, á Moncloa para optar a captacións de fondos europeos de reconstrución.

Existe unha comisión parlamentaria para a reactivación económica. Foi o vicepresidente e conselleiro de Industria, Francisco Conde, quen principiou as comparecencias.

E deu a coñecer os proxectos que a Xunta aprobou o 22 de
outubro para a captación de fondos europeos? Non. Pero pediu-lle aos grupos parlamentarios
estar unidos ao redor deses 108 misterios que nin coñecen nin quixo explicarllos.

Como van estar unidos ao carón de algo que non coñecen? Que virtualidade ten unha comisión de recuperación se non saben nin os proxectos nin tampouco unha estimación dos orzamentos cos que poden contar, nin sequera os criterios básicos que vai seguir o noso Goberno?

Xa hai semanas demandaba desde esta mesma páxina un grande acordo de País para saber cara onde e como imos ir nesta vaga de recuperación económica que seica vai chegar dentro dun ano. A primeira demanda debía ser unánime das forzas políticas e sociais: que sexa Galiza e non o Estado quen decida como e en que investimos as axudas a comunidade galega.

Pero, polo que se pode comprobar, a Xunta non está pola labor nin da unidade, nin de cumprir a regras mínimas de transparencia que se demandan das prácticas dun bo goberno. Non só é este caso, aí está a negativa a dar a coñecer o número de rastreadores, ou a onde destinou os cartos que viñeron do Estado para o ensino ou para a sanidade.

Eu non as teño todas comigo. Por unha parte, segundo o Consello de Contas, Feixóo deixou de investir boa parte das liñas de axudas europeas das que dispuxo Galiza. Pola outra, sei que intereses defende este goberno e, moito me temo, que serán as grandes empresas, con sé societaria en Madrid, as que leven a maioría dos cartos, acentuando a nosa dependencia e impedindo esa recuperación agardada. Se non fose así, para que agochalos logo...