Os 40 anos do BNG

Firmas
Afonso Eiré

NON hai moitas organizacións que duren corenta anos, sobre todo se son políticas e non están auspiciadas e sostidas polas clases dirixentes. A BNG cumpre 40 anos malia os seus fracasos electorais, pois os resultados nunca se corresponderon coas súas arelas, as súas expectativas e, tampouco, coa súa incidencia social.

A capacidade mobilizadora do BNG en todos os ámbitos, desde o cultural ou sindical ou ecoloxista, non tivo a súa correspondente translación electoral.

Pero trabúcanse os analistas se escrutan a vida do BNG tendo en conta unicamente o número de votos. E aínda máis a súa estancia nos gobernos.

Equivócanse os foráneos se miden ao BNG pola súa incidencia electoral e, tamén se equivocaron algúns internamente cando defenderon a “conquista do poder” como o seu único ou principal obxectivo. E volverase a trabucar calquera dirección se basea toda a acción política do BNG no eido electoral.

O BNG non pode cumprir os seus obxectivos, nin sequera gobernar, sen unha profunda transformación social. Certo é que, tamén, eses obxectivos son imposíbeis se non se ampara nos gobernos e non os usa axeitadamente na súa consecución.

Porque o BNG non é unha organización normal. A súa formulación organizativa é tan novidosa como xenuína, creada para responder ás características propias de Galiza.

A súa estrutura frontista, o seu carácter asembleario, o xeito de entender a democracia interna, a construción de grandes consensos, o papel activo da militancia na toma de decisións estratéxicas, pero, sobre todo, os seus obxectivos..., diferencian ao BNG doutras organizacións.

Como o diferencia tamén a teima de moitos dirixentes en partillar que se equivocaron moitas veces. Sen darse conta, asumen, dalgún xeito, o relato dos seus inimigos políticos, tanto o dos que abandonaron o barco como o dos que quixeron sempre levar o leme do nacionalismo desde fóra.

Se cadra é todo así porque Galiza é diferente. Como escribiu Calderón: “Errar no menos non importa se acertou no principal”.