Os escravos galegos

Firmas
Afonso Eiré

UNHA coitelada máis do PP..., e xa nin sangramos. Deciden suprimir como materia optativa “Xeografía e Historia de Galicia”. Afirman que só lle mudaron o nome por “Patrimonio e sociedade de Galicia”, que os contidos van a ser máis os mesmos. Cal é a razón de suprimir unha materia específica con tradición docente e historiográfica?

Non topo outra que un interese político, común a todas as decisión que veu tomando o PP desde que saíu elixido presidente Nuñez Feixóo: sacarnos a autoestima, borrar en todo o posíbel a nosa identidade. O principal fito foi o decreto do Bilingüismo. Logo veu a supresión das seleccións, os trocos na política da RTVG, nos nomes das Galiescolas, os recortes en cultura, principalmente no eido dos libros...

Todo para que interioricemos que somos un pobo pobre, dependente, e, polo tanto, submiso.

Non hai tal!

En 1800 tíñamos oito veces máis habitantes ca Madrid, dúas veces máis que Cataluña e tantos como Andalucía. En 1900 Galiza mantiña unha poboación máis alta que a de Cataluña (2.867.000 de Galiza e 2.068.000 de Cataluña) e aínda moi superior á de Madrid (775.034). Durante o período 1800 e 1900, e máis alá, prolongándose dramaticamente até hoxe, unha parte dos galegos foi obrigada á emigración.

Tamén podíamos compararnos coa meca Suíza, un pais máis rural e pobre ca nos que, neses anos, tiña seiscentos mil dos seus na diáspora, enchía media Europa de prostitutas e morrían literalmente de fame: dez mil no 1816.

A nosa decadencia foi unha decisión política: un pacto entre as elites galegas e as do Estado que viron máis rendíbel a emigración de persoas, para substituír aos escravos, que a exportación de materias primas, gando e manufacturas.

Non só decretaron novos impostos monetizados, senón que vimos como as propias terras eran subtraídas e as comunicacións, tanto as internas como as externas, desdeixadas e a imposibilidade de exportar viño ou gando.

“Pedimos que a nosa Terra sexa nosa. Porque somos fillos dela. Porque ninguén máis pode gobernala”, escribiulle Castelao no 1944 a Delgado Gurriarán.