Pablo Iglesias

Salvador Soutullo Carolo

Pablo Iglesias decidiu retirarse da política activa tras facer o propio no goberno de España e non ter uns bos resultados en Madrid.

Paréceme a min que non vai ter cargos orgánicos nin institucionais, pero que si que vai seguir opinando sobre a actualidade española.

El tivo que pasar por varios casos de acoso cara a súa persoa e a súa familia.

Moitos criticaron que mercaran a casa de Galapagar cunha hipoteca a 30 anos. E digo eu!, o que importa é que as cousas se merquen co teu salario legal e non con sobres de Bárcenas. Se temos en conta que no momento de oficializar a hipoteca Pablo mais Irene estaban cobrando un bo salario como deputados por que non facelo?

Os salarios públicos dos políticos son iguais se son dun ou doutro partido, e se eles tiñan a posibilidade de pagar a hipoteca e querían unha casa grande onde criar os seus fillos nada que obxectar.

Ou era mellor que tiveran os cartos aforrados no banco?

Hai xente que confunde ser de esquerdas con ter que vivir na miseria e iso non é así. Ademais, Pablo ten un salario digno asegurado xa que é doutor en Ciencias políticas e profesor da Complutense de Madrid.

Agora hai que facer un Congreso para elixir a substituta (ou substituto) del e todo apunta a Ione Belarra. Ao principio apuntouse a Yolanda Díaz pero esta non está afiliada a Podemos senón ao Partido Comunista de España.

Así as cousas parece que Yolanda Díaz e Ione Belarra se repartirán as tarefas institucionais no goberno e as orgánicas no partido.

Non penso que estea moi contento Beiras con este vertixinoso avance de Yolanda Díaz; xa que foi el precisamente quen a rescatou do seu papel irrelevante en Izquierda Unida en Ferrol e a colocou de deputada no Hórreo dentro de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE).

Logo parece ser que non foi o suficientemente leal para co seu mentor político que remataba de escindirse do BNG.