Para non quedarse atrás

Firmas
M. Victoria Otero Espinar

DURANTE a pandemia que estamos padecendo, unha boa parte da poboación mundial está pendente dos datos e modelos matemáticos que axudan a comprender, e por tanto a resolver, os problemas sanitarios e sociais causados pola covid-19. Este é so un exemplo que pon de manifesto que a sociedade coñece ben a importancia dos coñecementos matemáticos, non só os que aplican os profesionais, senón tamén os que toda persoa debe posuír.

Pois ben, non sorprende que dende moitos estamentos, como a OCDE, se reclame unha maior formación matemática acorde coas actuais necesidades sociais. Pola contra, si sorprende o cambio introducido na nova lei educativa (LOMLOE), que está actualmente en tramitación parlamentaria, que elimina a obrigatoriedade de cursar Matemáticas no Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía e Matemáticas Aplicadas no itinerario de Ciencias Sociais.

Esta é unha decisión que pon á educación matemática e científica nunha grave situación. Estamos poñendo en xogo a formación matemática dos “non matemáticos”, economistas, arquitectos, informáticos, enxeñeiros, médicos, farmacéuticos, analistas de datos,..., que teñen que ter os necesarios coñecementos matemáticos para a súa correcta actividade profesional.

As universidades deberían de estar preocupadas polo feito de que o alumnado chegue ás titulacións cun coñecemento superficial das matemáticas que merme a calidade do seu ensino. Esta decisión, tería graves consecuencias. Por un lado para que o alumnado afronte con garantías os graos de Ciencias, de Enxeñaría e Arquitectura e os de Ciencias da Saúde, que inclúen materias cun forte contido matemático na súa programación. E, por outro lado, para o das titulacións de Ciencias Sociais que demandan contidos matemáticos, sobre todo estatísticos, para actualizar os plans de estudos e así cubrir as necesidades do paradigma actual.

Dende o meu punto de vista, estase errando no enfoque do problema. A cuestión non radica en cambiar a obrigatoriedade de cursar a materia de Matemáticas, senón en enfocar a atención no análise e deseño desa materia. Unha materia que ten que asegurar unha correcta formación ao alumnado que elixa os diferentes camiños académicos, tanto os que se dirixen a estudos universitarios como os que optan pola Formación Profesional Superior.

Dende a Real Sociedad Matemática Española enviamos unha solicitude aos grupos parlamentarios para que se emende a nova lei antes de finalizar o prazo (20 de maio). Queremos agradecer ás máis de 20 entidades científicas, académicas e profesionais polo seu apoio. Ademais, eu agradezo persoalmente aos decanos das Facultades de Bioloxía, Farmacia e Química da USC por conseguir o apoio das Conferencias de decanos de España nos seus ámbitos.

Agora todo está nas mans da clase política, pero tamén na de todos nós. A nosa responsabilidade é a de amosar as nosas inquietudes aos representantes políticos, para que tomen as mellores decisións atendendo esas necesidades. Esperemos ter un amplo respaldo parlamentario para que en España os estudantes dos niveles non universitarios conten cunha formación matemática obrigatoria, como nos países da nosa contorna: Francia, Portugal ou Italia, entre outros.

Nesta crise provocada polo covid-19, evidentemente estanse tratando os temas considerados máis urxentes e inmediatos no ámbito educativo. Mais, posto que o prazo remata o 20 de maio, non podemos deixar que se tome unha decisión que tería consecuencias no presente e futuro da nosa sociedade.