Non a todos os heroes lles foi reservada a gloria da posteridade // Moitas persoas pequenas facendo cousas pequenas tamén poden cambiar o mundo // Ricardo Carballo, o membro da Novena do INEF que vivirá para sempre na nosa memoria // ‘La nueve’ e a Novena, dúas caras da mesma moeda

París, Bastiagueiro e o número nove

Firmas
Rodrigo Costoya
Entrada das instalación do INEF Galicia en Bastiagueiro. Foto: INEF

La Nueve. Con ese nome pasou á Historia a 9.ª Compañía do exército francés que liberou París da ocupación nazi. Europa ardía polos catro costados, e a 2.ª Guerra Mundial encaraba xa o seu tramo final. Pero, por que había ter un alcume en idioma castelán esta sección da 2.ª División Blindada da Francia Libre?

A resposta é tan sorprendente como simple. Porque os seus soldados eran españois.

Españois, si. Republicanos exiliados en Francia que, tras a derrota fronte ao bando golpista na Guerra Civil española, decidiron seguir combatendo o fascismo ata as últimas consecuencias.

Os vehículos militares que formaban a 9.ª Compañía levaban nomes tan identificativos como Jarama, Guernica, Belchite, Brunete ou Don Quijote. Pouca dúbida, xa que logo, sobre a españolidade dos seus milicianos.

Eles foron os primeiros, como dicimos, en entrar na París ocupada.

Toda unha sorpresa para os civís parisinos que saíron ás rúas cantando a Marsellesa ao se ver liberados. Constatar que os soldados que recuperaran a capital eran españois era o último que esperaban. Emporiso, así foi. Tras entrar en París pola Porte d’Italie, libraron combate. O semioruga Ebro dispara contra as ametralladoras alemás, amosando unha decisión que mina a moral nazi. Mentres se agarda a capitulación, os españois toman ao asalto a Cámara dos Deputados e a praza da Concordia. Só sufren unha baixa en combate. Os invasores réndense, e ao día seguinte La Nueve desfila fronte a Notre Dame e escolta a De Gaulle polos Campos Elíseos. Os seus soldados locen con orgullo as cores da Segunda República. As posteriores protestas do réxime franquista foron ignoradas polo goberno francés. Non era para menos.

Pero non todas as historias relatan grandes fazañas, nin falan de heroes que pasaron á posteridade entre épica e laureis. Tampouco vai suceder todo en París. A veces, tamén pasan cousas en lugares pequenos. Lugares coma Bastiagueiro, por exemplo.

Alí comezou a funcionar en 1987 o INEF Galicia, hoxe coñecido como Facultade de Ciencias da Actividade Física e o Deporte. Unha institución que veu marcar un antes e un despois no deporte galego.

Os profesionais que pasaron polas súas aulas son os responsables do salto cualitativo que viviu nas últimas décadas o eido deportivo do noso país. Dende as clases de educación física de todos os institutos galegos (e do resto de España en gran medida), ata a xestión de entidades deportivas públicas e privadas, pasando polo ámbito do rendemento, da alta competición e do deporte profesional. Os días de gloria que vive o noso deporte son debidos, en grande medida, a este centro educativo de vangarda.

Dende a súa creación cóntanse por centos os avances científicos que teñen alí a súa matriz. As figuras máis senlleiras do noso deporte, sexan medallistas olímpicos, deportistas internacionais ou adestradores profesionais, teñen algunha vinculación co INEF. Pero tamén a teñen todos eses heroes anónimos que día a día deixan o mellor de si dando clase nun instituto, ou nunha piscina municipal. Todos os que estudan e se esforzan por formarse, por acadar o máximo nivel intelectual e desempeño profesional. Porque unha sociedade cunha boa cultura física é unha sociedade avanzada.

Polo que a min respecta, hónrame formar parte da 9.ª promoción do INEF Galicia. A Novena, chamámoslle. Nas súas aulas descubrín a miña vocación e aprendín a ver o mundo dende un prisma diferente. Alí asimilei que non temos un corpo, senón que somos un corpo, e que desprezar o seu coidado ou desenvolvemento é desprezarnos a nós mesmos como persoas. De aí que sempre defenda que a educación física é a máis importante das materias. Tanto, cando menos, como todas as demais xuntas.

Esta semana a Novena tivo que afrontar un trance amargo. Un dos nosos, Ricardo Carballo, falecía nas augas da súa terra, Carnota. Tendo en conta que hai máis de vinte anos que rematamos a carreira, que a figura de Ricardo seguise tan viva na nosa mente fala claro do que el era. Unha persoa tranquila e vital, que sempre aportaba positividade en torno a si. Como lle dixemos todos a unha, a Novena perdeu un amigo, un compañeiro, un brazo forte. Pero Ricardo nunca perderá á Novena, porque vivirá para sempre na nosa memoria.

Talvez non haxa entre a Novena heroes capaces de liberar París. Seguramente non pasaremos ás páxinas da Historia como a lendaria La Nueve. Pero non importa. Non a todos os heroes lles foi reservada a gloria da posteridade. Porque eu sei da calidade humana dos meus compañeiros e compañeiras. Ante a desgraza, unímonos. Tratamos de atopar aquilo que a Ricardo lle gustaría que fixeramos na súa memoria. Non houbo flores nin responsos. Xuntámonos para aportar un gran de area que leve dignidade a persoas desfavorecidas de Guatemala. Iso fixemos. Porque moitas persoas pequenas facendo cousas pequenas tamén poden cambiar o mundo.

Non só combatendo nazis dende un carro blindado.

Vai aquí a miña homenaxe a todos os heroes. Aos de París, pero tamén aos de Bastiagueiro. A todos os que se erguen cada mañá co ánimo de construír un mundo mellor. Sobre todo, aos que o fan de forma anónima. Como Ricardo Carballo, membro da Novena do INEF. Ata sempre, compañeiro.