ENQUANTO HÁ FORÇA

Perdas e beneficios da crispación

Xosé A. Gaciño

Dando por suposto que na dereita centralista española contan con algún contábel competente, ou que polo menos saben manexar as calculadoras dos seus móbeis, non se entende o seu discurso catastrofista en torno ás posibilidades de autodeterminación de Cataluña. Non é nada difícil calcular que, sen os votos desa dereita, resulta imposíbel reformar a Constitución, para o que fai falta maiorías de tres quintos en ambas cámaras para os artigos ordinarios e de dous terzos (con disolución de cámaras, ratificación e referendo) para o núcleo duro do texto constitucional, no que se atopa o artigo 2 (“indisolúbel unidade da Nación española”).

A reflexión, por suposto, serve tamén para os independentistas cataláns (de dereitas ou de esquerdas), que teñen as mesmas posibilidades de ler a Constitución (e o seu Estatuto) e de facer cálculos sobre maiorías cualificadas, pero que prefiren recorrer a un discurso vitimista con chamamentos épicos ás esencias profundas. E naturalmente para o Goberno central, que este si que se ten que pasar a lexislatura facendo números para conseguir maiorías, aínda que sexan pola mínima e pagando abstencións a prezo de apoio incondicional; polo menos, trata de transmitir un discurso optimista, como corresponde a un goberno que se prece, por moita pandemia e moita crispación que lle rodee, sobre todo se conta cun plan de recuperación económica bendicido e financiado pola Unión Europea.

O caso é que algúns levan máis de corenta anos anunciando que España se rompe e outros levan bastantes anos máis desexando que se rompa (con varios intentos frustrados ao longo de varios séculos). Todos saben que, hoxe por hoxe, iso non é posíbel, pero insisten en tratar de sacar réditos electorais aos sentimentos que se moven detrás dos temores de uns e das ilusións de outros. Xogan uns ao desgaste dun goberno que consideran ilexítimo, nunha interpretación moi particular e sectaria da lexitimidade, e xogan outros ao desgaste do Estado, unha operación moito máis complicada e que, como mínimo, esixe moito máis tempo para comprobar as súas posibilidades e, como consecuencia, desgastará tamén á propia sociedade catalá no seu proceso cara a un futuro incerto.

Aos catastrofistas quédalles espremer ao máximo o malestar polos indultos nunha parte importante da opinión pública (sobre todo, da opinión publicada) e quizais a quinta onda da pandemia (que supoño que nin os catastrofistas queren que se agrave ou se prolongue) para que se crebe o optimismo do Goberno. Polo outro flanco, os independentistas, parece que ate os máis duros están dispostos a dar dous anos de prazo á negociación, máis ou menos o que queda para rematar a lexislatura. Tempo para que todos fagan contas e calculen as perdas e beneficios reais das sobreactuacións crispantes.

Xosé A. Gaciño