Perú sumase ao cambio

Manuel Mera

Malia todos os intentos por parte das clases dominantes, e das forzas políticas neoliberais, para reverter en Perú o triunfo nas urnas de Pedro Castillo, mesmo chamado a un levantamento militar, todo indica que este vai asumir a presidencia da cuarta economía de América do Sul. Será así porque despois do sucedido en Bolivia unha nova escenificación dunha intervención en defensa da “legalidade institucional contra eleccións amañadas, por parte daqueles que cuestionan o sistema”, carece de calquera posibilidade de ser vendida no exterior como un éxito da democracia.

Ademais, o resultado das eleccións dáse nun contexto moi distinto ao de hai dous anos xa que, ao triunfo de forzas progresistas en México e Arxentina, sumase en Chile a reforma da Constitución e os bos resultados da esquerda nos procesos electorais locais e rexionais, coa derrota do pinochetismo e as forzas social-liberais. Ao que hai que engadir as grandes mobilizacións sociais e a súa persistencia no tempo en Colombia, malia a militarización e represión. A única excepción é o triunfo da dereita en Ecuador, no que algunha responsabilidade ten a dirección de Pachakutik que colocou o enfrontamento co correísmo por riba do proxecto estratéxico.

É verdade que no caso de Perú a diferenza de votos entre o mestre de esquerda e o bloque da dereita é moi cativa, e que Castillo carece de maioría no Parlamento. Ademais a anterior Asemblea decidiu arbitrariamente alongar o seu mandato, aprobando leis para acoutar as competencias presidenciais e limitar os cambios. Porén as contradicións son moi fortes (desigualdade social e territorial, precariedade, desfeita ecolóxica, violencia,...), unha tendencia que tamén está en ascenso na América Latina e na maior parte do mundo alentando as transformacións. É así, mesmo que as clases dominantes manteñan a hexemonía nos medios e na formación do imaxinario colectivo, a que exista unha gran fragmentación da clase traballadora, e que a esquerda non fose aínda quen de reconstruír totalmente o proxecto de de xustiza social e emancipación.

No caso concreto de Perú sería unha utopía esperar cambios radicais (nacionalizacións, fiscalidade, relacións internacionais...) xa que o triunfo electoral é moi estreito, as fozas que apoiaron a Castillo son moi diversas, dende sindicatos combativos como a CGT até partidos de centro esquerda como o de Verónika Mendoza, ao que se engade un bloque consolidado representativo das clases dominantes e, por se non abondase, a votación tamén se polarizou no ámbito xeográfico. Daquela que nas súas declaracións se afaste de procesos como o venezolano e mesmo o boliviano, e debuxen como referencia máis próxima o Brasil de Lula. Postura que, como se dixo, está condicionada pola correlación de forzas e a alianza que fixo posíbel seu triunfo electoral. Por certo: non se estará adiando a propósito dar o resultado definitivo co obxectivo de deixar en evidencia os medios cos que contan os grupos de poder sistémicos e os límites que non pode atravesar Castillo?...

Agora ben, mesmo con todos estes atrancos e eivas, trátase dun cambio de tendencia moi forte, que marca unha nova etapa no Perú, e alenta unha tendencia progresista na América Latina. Até onde cheguen as transformacións dependerá de que as forzas do governo manteñan a unidade, teñan obxectivos e unha folla de ruta marcados en función do contexto e das necesidades sociais máis urxentes, e de que poñan chanzos, aínda que sexan pequenos, para os cambios estratéxicos. Evidentemente, para alentar esta evolución progresista ten unha enorme importancia a mobilización e o protagonismo das clases populares, e polo tanto a socialización do debate e análise, da realidade social, do modelo produtivo e do tipo de sociedade, de como o ritmo está condicionado pola correlación de forzas e a conciencia política. O fundamental da mensaxe: Perú sumase ao cambio.

https://obloguedemera.wordpress.com/