Por unhas condicións laborais dignas

Manuel Mera

MALIA o optimismo do governo e pesimismo da oposición, e mesmo que as diferenzas no programa sexan mínimas, e no esencial ambos sigan as directrices de Bruxelas, que representan os intereses das grandes empresas na UE, mesmo que moitas sexan estadounidenses, e tamén chinas, aínda que nun lugar moi secundario, os datos non son moi optimistas para os vindeiros anos. E isto tanto sucede a nivel da UE, como do Estado español, como da Galiza, que non podía ser unha excepción dado o noso papel subalterno, no político e polo tanto no económico.

Os datos sobre o PIB no terceiro trimestre seguen sendo positivos, un medre do 3,6% da economía en termos anuais no terceiro trimestre na Galiza (2 decimas menos que a media do Estado español), mais non se pode obviar que a tendencia é descendente. Até onde chegara a caída? Que efecto terá sobre o desemprego?... Nesta cuestión de fondo o Governo do PSOE-UP mantén o optimismo (para seguir apoiando a guerra e non tomar medidas que o enfronten á gran patronal?...), e a oposición, o PP, non arrisca propostas e centra o debate en cuestións formais ou simbólicas, porque no esencial comparte e reforzaría as políticas neoliberais e a folla de ruta da UE no conflito con Rusia, obviando os antecedentes do conflito.

Segundo esta visión optimista o desemprego na Galiza rondaría o 10% da povoación activa, e as persoas en risco de pobreza estarían no 20%, e do 24,7% o de persoas que non poderían facer fronte a gastos imprevistos. Son medias por debaixo das do conxunto do Estado español, daquela que a Xunta sen botar peito deixe o problema nun segundo plano. Agora ben, non deixa de ser unha visión moi parcial e distorsionada que ignora a forte emigración do noso país e unha taxa de inmigración moi inferior a outras nacionalidades e autonomías do EE, que o peso desta última acrecentan as taxas de pobreza, dado que entre eles están as porcentaxes máis altas. Cando se caracteriza á nación galega non se pode obviar ademais do PIB, a balanza comercial, a tendencia demográfica, o desemprego, o proceso migratorio, ou sexa, temos que valorar todos os datos no respecto do conxunto e ter en consideración a súa evolución e en que momento do proceso ficamos.

A Xunta de Galiza non pode obviar o menor medre do PIB no noso país, malia termos un saldo positivo no comercio exterior, o baixo crecemento demográfico, que se intenta salvar coas achegas a inmigrantes descendentes de galegos/as, coa escusa de que son “retornados”, esquecendo a importancia de planos de integración tanto laboral como cultural e lingüística. Sen dúbida cómpre termos unha actitude que axude á integración daqueles/as que chagan como inmigrantes, pola razón que fose, mais estas medidas non poden suplir ou ser prioritarias en relación a aquelas que deban evitar a emigración forzada ou a baixa natalidade na Galiza por mor de salarios e condicións laborais de sobre explotación.

A solución non é aumentar a man de obra de reserva, senón que o medre do PIB estea ligado a un aumento dos salarios e condicións laborais dignas. A cuestión non é só obter beneficios senón tamén como se reparten.