ENQUANTO HÁ FORÇA

Racismo universal

Xosé A. Gaciño

Resoan en todo o mundo as protestas raciais que estouparon en Estados Unidos (algunhas con derivacións de violencia e saqueos) pola morte do negro George Floyd, asfixiado o pasado 25 de maio en Minneapolis por un policía branco, Derek Chauvin, que mantivo o seu xeonllo premendo sobre o pescozo da vítima durante oito minutos (e polo que está acusado de asasinato en terceiro grao e homicidio en segundo grao). En moitas partes do mundo, producíronse manifestacións antirracistas pacíficas, non sempre compatíbeis coas medidas restritivas sobre distancia entre persoas a causa da covid-19, pero toleradas en xeral, sobre todo en Europa, como corresponde a un continente onde teoricamente non existe discriminación racial.

En Estados Unidos, en cambio, teñen feito méritos dabondo para converterse nunha sorte de referencia paradigmática da discriminación racial, reflexada ademais pola súa propia potente industria cultural (cine, literatura, canción...), que difunde polo mundo visións moi detalladas e diversas (incluídas as máis críticas) sobre ese aspecto turbio da súa sociedade. Máis dun século tardaron desde o final dunha guerra civil que gañaron os antiescravistas ate que desaparecesen os últimos residuos legais de segregación. E aínda segue a discriminación social e económica, moito máis difícil de erradicar, e sobre a que calquera chispa fai prender un incendio como o destes días.

Pero os sentimentos e prexuízos racistas, máis ou menos conscientes, circulan por todas as culturas e todos os países. A raíz das manifestacións polo caso Floyd, no Reino Unido empezan a pór en cuestión a existencia de estatuas e monumentos en recordo de ilustres traficantes de escravos británicos. Hai un par de anos retiraron en Barcelona unha estatua do marqués de Comillas, que tamén tivera, entre as súas múltiples actividades navieiras e mercantís, a do comercio de escravos. A participación de moitos países europeos (España o terceiro, detrás de Portugal e Gran Bretaña, entre os séculos XVI e XIX) no tráfico de man de obra escrava de África a América foi moito máis activa do que a historia oficial deses países quere recoñecer.

Pero, sen necesidade de remontarse tanto na memoria histórica, aínda quedan en Europa moitos prexuízos que superar en canto á integración de etnias “impuras” (xitanos, magrebís, turcos, subsaharianos, refuxiados sirios... ), por non falar da falta dunha política migratoria común seria que permitise controlar e integrar a necesaria chegada de nova forza de traballo que compensase a envellecida poboación autóctona.

En España ven de desvelarse o noso particular caso Floyd: a morte do mozo marroquí Ilias Tahiri nun centro de menores de Almería. Ocorreu hai un ano, pero a difusión agora do vídeo dunha cámara de seguridade sobre a maneira na que lle aplicaron o “protocolo de contención mecánica” (tombado boca abaixo nunha cama, con cinco persoas atándoo de pes e mans, suxeitándolle a cabeza e premendo no seu lombo durante catro minutos) é a base do recurso da familia para que se reabra o caso, pechado xudicialmente en xaneiro pasado.

No medio deste panorama de convivencia difícil, tanto en Europa como en Estados Unidos, mentres algúns intentan promover entendementos, outros buscan réditos electorais fáciles botando leña ao lume, recorrendo aos vellos temores contra os diferentes, sobre todo se son pobres.