Raimon: 80 anos e reconciliación coa súa terra

Joaquim Ventura

Sucede ás veces que un feito determinado tería que producirse aparentemente nun determinado contexto, quer nun marco a, quer nun marco b. Digo o de aparentemente porque se imos a un certo detalle, daquela nos poderíamos decatar que tanto esa opción a coma esoutra b (e incluso unha hipotética c, distinta das anteriores) son difíciles –por non dicir imposibles- de realizar.

Isto é o que lle sucedeu a Ramon Sanchis Pelegero, Raimon de nome artístico, ao longo da súa carreira en tempos democráticos ata chegar á hora do seu retiro. Como veremos despois, por fin puido dar un futuro ao seu legado. Sabíamos sempre a idade do cantante valenciano por que no primeiro verso da canción Quan jo vaig nàixer (1966) dicía que naceu en 1940: “A l’any 40....”. Este pasado 4 de decembro cumpriu oitenta anos, unha fita que viña completar unha traxectoria artística de máis de cincuenta.

Raimon é, posiblemente, un dos poucos clásicos vivos da cultura catalá no seu sentido máis amplo, é dicir a cultura que se expresa sen complexos en lingua catalá e o conxunto territorial onde se fala. Pero o seu compromiso coa lingua foi inseparable desoutro compromiso coa liberdade e coa defensa dos castigados pola historia, esas clases subalternas que emerxen desde o fondo dos séculos, como cantaba en Jo vinc d’un silenci.

Ese binomio chocou cos que entre 1995 gobernaron a Generalitat Valenciana (cando o PP pasou a ter maioría) e 2015, e os que o fixeron na Generalitat de Cataluña entre 1980 e a actualidade, coa excepción dos anos de goberno tripartito de esquerdas (2004-2010). As dereitas, españolistas ou catalanistas, sempre lle negaron o pan e o sal a Raimon, se ben os gobernos de CiU non tiveron que recoñecer a súa traxectoria coa medalla de ouro da Generalitat e cunha exposición (2012) para celebrar os cincuenta anos de carreira. Pola súa banda, en 2015 o cantante valenciano cedeu á Filmoteca de Catalunya o seu fondo audiovisual, constituído por 176 gravacións con actuacións ao longo do mundo.

Ao ostracismo mostrado polos gobernantes da Generalitat Valenciana engadiuse o da cidade onde naceu e creceu, Xàtiva. Quen foi alcalde entre 1995 e 2015, Alfonso Rus, sempre negou a Raimon a posibilidade de actuar. Non foi ata a chegada de novo de gobernantes de esquerdas cando as institucións valencianas comezaron a lembrarse de Raimon e as relacións cos seus veciños se restableceron. Para celebrar os cincuenta anos de Al vent, en 2010, foi o propio Raimon quen tivo que alugar o Gran Teatre de Xàtiva e organizar o concerto para poder celebralo.

E xa coa perspectiva dos seus oitenta anos, Raimon e a súa muller, Annalisa, pensaron en organizar o seu patrimonio. Tras pensar nun primeiro momento en repartilo entre Barcelona, València e Xàtiva (mercando unha casa veciña da súa natal), un amigo aconselloulles mantelo de maneira unitaria. A conxunción astral de gobernos de esquerdas nas institucións concernentes (Generalitat Valenciana, Deputación de Valencia, Concello de Xàtiva, Ministerio de Cultura), coa inestimable colaboración do presidente Ximo Puig e do alcalde Roger Cerdà, facilitaron asinar un convenio para crear unha fundación que xestione o seu legado (inmobiliario, material e documental) para que sexa conservado e estudado. Establecerase no antigo convento de Santa Clara, de Xàtiva.

Coa sinatura do convenio o pasado xullo no Palacio da Generalitat Valenciana, Raimon reconciliouse definitivamente coa súa cidade e coa súa terra. Un proxecto que resultaría inviable de ser pensado verbo da Generalitat de Catalunya, máis agora cando aínda está gobernada por unha coalición independentista, o que non facilitaría a harmonía necesaria co goberno español.

Unha reconciliación que comezara en 2015 cando o novo goberno de esquerdas nomeou a Raimon fillo predilecto de Xàtiva, coa oposición dos xacobinos de Ciudadanos e PP: os primeiros argumentaron que non merecía tal distinción por ter feita a súa carreira lonxe da súa terra; os segundos por razóns económicas. Queda claro que a miseria dalgúns non ten límites.

Joaquim Ventura