Rueda, un home de palabra

Firmas
Afonso Eiré

AFONSO Rueda, é un home conservador e de palabra, Núñez Feixóo, o seu antecesor, un circunstancias.

Afirmou o novo presidente que sería seguidista e cando nomeou o seu Goberno non remudou a ningún conselleiro, só coptou a un novo vicepresidente no seu canto, Diego Calvo. Non se sabe moi ben se por cumprirlle ou por abracar as apetencias do coruñés.

Hai tamén quen afirma que se non realizou cambios no Goberno foi por medo a que se lle alborote o galiñeiro partidario.

Un home conservador coma el, para que precisa realizar mudas ou remudas? Para que quere novas persoas inexpertas para levar a termo a política de sempre?

Para que non existan dúbidas de que todo será cuspidiño ao destes últimos trece anos, Afonso Rueda, sen lembrarse do avó, clamou no primeiro acto institucional ao que asistiu, o día das Letras Galegas, contra a “imposición do galego”. E, esquecendo a unha parte dos galegos falou, ao mesmo tempo, de “cordialidade”.

Afonso Rueda non vai mudar de política porque, en primeiro lugar, non o necesita. Será o BNG quen terá que loitar con todas as súas forzas para facerlle ver a cidadanía galega que existe unha política alternativa e que esta mellorará as súas vidas.

En segundo lugar, Rueda non vai trocar de política pois é totalmente consecuente. Consecuente cos intereses que defende o seu partido, consecuente co camiño ditado polos estudos da FAES, que tan alborozado abrazou Feixóo, e consecuente co deseño da Trilateral para Galiza na súa reunión de Lisboa, na que nomearon a Paco Vázquez como o seu mandadeiro.

Se alguén ten dúbidas da eficacia do PP, non hai máis ca ver como Galiza é o grande celeiro de beneficios para as empresas enerxéticas, para as pasteiras da madeira, para a sanidade privada, para as empresas de servizos ás persoas maiores, fornecedora de emigrantes cualificados...

...Para as turísticas, sector que o novo presidente gardou para si mesmo. Non lle pidan peras ao olmo, Rueda é o fiel representante da dereita española e dos seus intereses en Galiza!