Si que fixemos a revolución!

Firmas
Afonso Eiré

ALÁ polos anos setenta, moitos soñábamos con “FACER A REVOLUCIÓN”. A revolución era un cambio “radical, violento”, ao que nos ían conducir as “causas obxectivas”.

Cincuenta anos despois, cando a Xeración de Erga se está xubilando, a moitas destas persoas éntralles un amargor: “Ula, a nosa revolución?”, pregúntanse. Téñena diante dos seus ollos e non a ven.

As revolucións, xa non son un acto, senón un proceso de cambio. En Galiza é perceptíbel se o queremos enxergar. Aí están as organizacións políticas e sindicais que ergueron, como motores dun novo País.

Comecemos polo noso folclore. Nos anos setenta era difícil atopar un gaiteiro para que repichoca-
xe unha peza, ou un artesán que che construíse uns instrumentos. Cantos gaiteiros existen hoxe?
Cantos grupos non folclóricos
usan tamén a gaita? E as pandeireteiras? E as cantareiras? E as ducias de artesán? E, de novo, as foliadas, as ruadas...

Cantas asociacións culturais agromaron para facer cultura, recuperar tradicións... Canto se avanzou no estudo da nosa historia? Ou da nosa economía? Ollen para as universidades e comparen?

Naqueles tempos había ducia e pico de escritores e a calquera lle daba tempo a ler os libros que se publicaban ao ano. Hoxe o sector editorial é unha industria!.

E se falamos do teatro, podían pensar daquelas en profesionalizarse? E o mundo audiovisual... Quen albiscaba a potencia que ten hoxe en día e a capacidade de todos os que traballan nel?

Por non falar da lingua!. Dígase o que se diga, estamos mellor que nos anos setenta. Sempre se olla o que quixeramos que fose, pero non o que se logrou. Non só se lle plantou cara á “desgaleguización”, senón que se fala moito máis con conciencia. Tamén nos podiamos referir á conciencia ecolóxica, a feminista, etc.

Gañamos mil é unha batallas e, noutras, a loita continúa.

Que tería pasado sen esa revolución “silandeira”? Cal sería o estado actual de Galiza sen esa entrega patriótica de toda unha xeración?

Non só impedimos a destrución do País, senón que estamos a construír unha nación!