Silencio, por favor

Firmas
Ruth Fernández

CON frecuencia dicimos que os silencios resultan incómodos nunha conversa. Que cando non hai palabras algo falla. Se non hai comunicación nunha parella hai un problema, iso é indiscutible. Se coñecemos a alguén, estamos nunha primeira cita, e non saen os temas de conversa de maneira espontánea e natural, seguro que algo vai mal... Se estamos sós na casa prendemos a radio ou a televisión para que nos acompañe, mentres nos dedicamos a calquera outra cousa... Talvez para apagar ou esconder o clamor do propio silencio, como dicía o poeta e filósofo R.Tagore. Queremos encher todo o baleiro con sons, con palabras, con promesas e confesións.

Certo. Pero non é menos verdade que tamén estamos a vivir rodeados de ruido por todas partes e que necesitamos unha paréntese. Escoitamos sen querelo case todo o que din os veciños, máis cando discuten. A tele alta ou a música a todo volume, a alarma do espertador, a batidora ou o exprimidor... cando non é a lavadora ou o lavavaixelas, propio ou dos que viven ó noso carón. Non somos conscientes de todo ese ruido, cando nos acostumamos a el o silencio pode resultar perturbador.

E necesitámolo. Si. Tamén precisamos o silencio coma o aire para respirar. Dise que axuda a previr infartos, que mesmo diminúe a violencia e que axuda á aprendizaxe. Necesitámolo para o corpo e a mente. Nese tempo apreciamos máis os olores, as cores, todas as sensacións. Somos máis conscientes de todo o que nos pasa. Semella que favorece a creación de neuronas e, así, a creatividade.

Se nos deixamos engaiolar polos sons da natureza descubriremos que reforzamos a nosa positividade, escoitando o son da auga dunha fonte ou as ondas do mar nunha praia sen turistas, desfrutando do trino dos paxaros, sentindo como o vento nos agarima a pel... tamén nos poderemos coñecer un pouco máis, reflexionando sobre o que nos pasa na nosa vida, sen que fuxamos de nós mesmos subindo o volume da tele que só serve a miúdo para calar a nosa propia voz interior, aquela que nos mira de fronte e se atreve a dicirnos cousas que ó mellor preferiríamos non escoitar.

Pensemos en espazos nos que impera o silencio: as bibliotecas, por exemplo. Aí o silencio é unha norma, unha obriga. Pero tamén no noso día a día podemos construír recunchos para desfrutar do silencio e afastarnos do balbordo que nos confunde. Cando espertamos pode ser marabilloso quedar na cama uns minutos en silencio, igual que pode axudarnos a conectar con nós mesmos o feito de camiñar por rúas pouco concurridas (non lembramos a sensación de saír á rúa na desescalada pola mañá cediño e atopar o silencio como acompañante?).

Así conseguiremos relaxarnos. Lembremos que, segundo o escritor belga Maurice Maeterlinck, “o silencio é o sol que madura os froitos da alma”. Precisamos que a calma se instale na nosa vida para recuperar o noso equilibrio interior. Respirando profundamente, de maneira lenta, conectaremos con nós memos e resultará reconfortante.

Se somos donos do noso silencio e escravos das nosas palabras, desfrutemos tamén un pouco desa posesión. E aprendamos a escoitar, que ás veces esquecemos a importancia de aparcar as nosas preocupacións para dedicarlle ó outro a atención que merece.