Teólogos

Joaquim Ventura

A recente morte de Hans Küng puxo nos xornais a existencia dos teólogos e da teoloxía. O estudo desta disciplina é consubstancial á carreira sacerdotal, con independencia de que quen a remate despois exerza só coma crego ou tamén coma teórico da doutrina e da fe. Desde a miña condición de investigador, sempre tiven respecto polos practicantes doutras disciplinas, incluída a teoloxía. Dito isto, sempre me sorprendeu –en tanto que tamén son non crente de matriz católica- que fose posible erguer uns estudos considerados científicos en base a uns principios que nunca e baixo ningún concepto poderán seren empíricos, comezando polo seu obxecto cerna: a existencia de Deus.

A partir de tal principio inmanente e non tanxible, calquera formulación sempre foi, é e será especulativa e de interpretación dun conxunto doutrinario (as Escrituras reveladas, os Evanxeos, as doutrinas establecidas polas diferentes crenzas) que no fondo é obra humana estritamente falando. E no caso da Igrexa Católica, unha interpretación dun continuo ininterrompido de dous mil anos cunha carga de dogmas e de principios que, finalmente, acabaron modificando –cando non ocultando- os ensinos de Xesús de Nazaret.

Pero aceptemos a condición da Teoloxía coma ciencia para interpretar e entender a vontade de Deus verbo da humanidade. Nese senso, hai dúas maneiras distintas de entender tal exercicio: a canónica, que sería como adaptar a actuación dos fieis (que para a Igrexa é o conxunto da humanidade) á vontade suprema de Deus, e a crítica, que de maneira inversa situaría tal vontade ou tal idea ao servizo das necesidades de homes e mulleres.

E foi xustamente nesta diferencia de enfoque onde a figura de Hans Küng foi decisiva. A primeira condición da segunda das opcións sobre como entender a Teoloxía era que a relixión, a fe ou as crenzas, como prefiramos, son a maneira que tivo a humanidade para entender os misterios e que ningunha delas é a mellor nin a única posible. Tal opción xa rachaba o primeiro dos dogmas que durante séculos a Igrexa de Roma sostivo por riba das outras crenzas.

Hans Küng representou coma poucos a Teoloxía entendida coma ciencia con todas as consecuencias que tal cousa supón: investigación, dúbida, crítica e autocrítica e, finalmente, empirismo ou vontade de exercelo. Aínda que fose coa palabra e os textos. E tal actuación comezou xa cando asistiu coma perito ás sesións do Concilio Vaticano II (1962-1965), nas que coincidiu con outro teólogo de sólida formación, Joseph Ratzinger, anos despois o papa Benedito XVI. Küng propuxo en 1966 á universidade de Tubinga que o contratase, se ben uns anos despois marchou cos aires chegados a partir de 1968.

O teólogo suízo defendía daquela unha profunda descentralización da Igrexa Católica - especialmente na toma de decisións-, a eliminación do celibato, o acceso das mulleres e a posibilidade de controlar a natalidade por medios non naturais. Despois dos pontificados aperturistas de Xoán XXIII e de Paulo VI e tras o breve lapso de Xoán Paulo I, a elección de Karol Wojtyla coma Xoán Paulo II estableceu na Igrexa un período de retroceso a prol dos sectores integristas que o Concilio deixara momentaneamente atrás.

E xa desde os primeiros anos do que sería un longo pontificado, Hans Küng estivo no punto de mira dos gardiáns das esencias. A Congregación para a Doutrina da Fe retiroulle a autorización eclesiástica para exercer a docencia cando o teólogo suízo non se retractou do contido do seu libro Infalible? Unha pregunta, publicado en 1976, no que cuestionaba o dogma da infalibilidade papal. A universidade de Tubinga garantiulle a estabilidade laboral ao situalo coma profesor de Teoloxía Ecuménica. Malia a súa disidencia e o baleiro ao que foi sometido –tamén con Ratzinger-, Roma nunca propuxo retirarlle a condición de sacerdote. Tal circunstancia fíxolle posible dedicarse á escritura de decenas de libros sobre diversos asuntos relacionados coa Teoloxía católica, moitos dos cales resultaron despois súper éxitos de vendas, incluso entre público non crente. Nestas obras trataba aspectos da fe cotiá, desde a maneira de ser cristián non nosos tempos, o papel das mulleres na Igrexa ou a necesidade de reformar a institución.

Joaquim Ventura