Un país no que calquera estado de ánimo o xustifique todo?

Alfredo Conde

LUNS anterior ó de hai tres días puidemos ler nun xornal que Salvador Illa cesaría ó día seguinte como ministro de Sanidade. Tres ou catro días antes leramos nun xornal que o ministro marcharía pra Cataluña, a fin de optar como candidato á presidencia do Goberno catalán, sen ter dado contas do seu mandato ministerial diante dos deputados ó Congreso. Noutro xornal, nese mesmo día, puidemos ler que non, que Salvador Illa interviría no Congreso antes de ir cumprir o encargo do seu partido nas elección catalás.

Cando estas liñas saian á luz poderían ter sucedido varias cousas, que hoxe xa coñeceremos todos, pero que cando foron escritas todas elas eran unhas incógnitas ás que cumpría irlle buscando respostas.

Se o ministro Illa non dimitiu, ou non cesou ou non foi cesado o 26 de xaneiro, e aínda está a tempo de render contas, poderemos deducir que a información de que non o faría era falsa e por suposto que haberá quen, con toda a razón, non deixará de pensar que foi a opción contraria foi deliberadamente falsa e que puido ser deliberadamente publicada.

Se ben polo contrario cesa, o xornal que afirmou que Illa non se iría sen responder da súa xestión no Congreso, esa noticia, puido deberse a unha información falsa que non foi debidamente contrastada; caso este no que a fonte mentiu, consciente e deliberadamente, polo que sería de esperar que, a estas alturas, o xornal denunciase o feito e recobrase a credibilidade que, grazas a tal fonte intoxicadora, máis dun lector consciente lle tivese retirado.

Se fose o outro xornal, o xornal que afirmou que Illa daría conta do seu paso polo ministerio, ditando medidas que mitigasen a pandemia que padecemos, estivese no certo –algo que a estas alturas xa posiblemente saibamos– puidese ter fallado na súa afirmación por non ter contrastado debidamente a información facilitada pola súa fonte, estaríamos de novo nun caso exactamente igual que o anterior e a estas alturas xa debería ter denunciado ó seu intoxicador.

Pero aínda pode haber outras variantes: que un dos dous xornais mentise deliberada e conscientemente e que o fixese ó ditado do partido co que comparte ideoloxía ou do grupo ou grupos de presión que o apoian, sexan estes de índole laboral ou empresarial. Que sucedería neste caso? Pois que a ética e a moralidade dunha parte da nosa prensa esta en franco proceso de extinción, que a deontoloxía profesional debe ser algo que non se explica ou se explica mal nas facultades de xornalismo e que por ese camiño non chegaremos nunca a disfrutar a democracia coa que soñamos.

Oxalá que este comentario, amén de inoportuno, poida ser equivocado, precipitado, esaxerado e en consecuencia xustamente deostado. Implicaría un delito de opinión? É posible. Neste país o odio é delito cando o odio é un sentimento, unha emoción do ánimo, e non hai noticias de que a expresión dos sentimentos teñan que ser regulados por lei.

O certo é que vir xa vimos afeitos, dende os tempos oprobiosos, a que a expresión libre de opinións estivese igualmente regulada, así que a min xa non me estraña nada. Porque un xornal diga unha cousa e outro diga outra e contraria non ten porque ser sorprendente, nin alporizar a ninguén. Facelo así constitúe liberdade de expresión. Pero cando se fan afirmacións tan contundentes e transcendentais pra que a opinión pública se asente dunha forma xusta respecto do labor, das intencións e dos modos do seu goberno, hai que fiar moi fino e darlle á roca as voltas que a roca e mailo fío nos demanden.

De non ser así, eiquí ninguén vai crer en ninguén e nada vai ser quen de frear o que se nos pode vir enriba: un país no que valerá calquera emoción, calquera estado de ánimo o xustifique todo, e quen roube a un ladrón terá cen anos de perdón, quen mate un roxo o fará levado dun comprensible e agudo estado de patriotismo e quen mate a un rico o fará por un estrito e rigoroso sentido da xustiza e tódalas mentiras han ser piadosas todas elas.