Un pouco de memoria

Firmas
Afonso Eiré

A dereita española vai a piñón fixo. Nunca entenderon cal é o problema de fondo do Estado e converten os nacionalismos periféricos nun problema. Aínda que, se poden, tamén se achegan a eles. No Parlamento galego, desde os tempos de Fraga Iribarne, cando lles viñan mal dadas, recorrían ao retrouso de acusar ao BNG de conivencia con vascos e cataláns. Segundo as necesidades, podían ser “tontos útiles”, “estar ao servizo dos seus intereses”, ou, mesmo, se a situación o requiría, ser alcumados de “terroristas”, inventándose unhas relacións, daquelas inexistentes, con HB.

Ao mesmo tempo Fraga pretendía un pacto co BNG nos concellos, para desbancar ao PSOE e non quedar illados. Xa teño contado que o primeiro paso era que o BNG lles permitise gobernar en Portomarín en troques de que os nacionalistas o fixeran en Corcubión. Virían máis. Pero, ao mesmo tempo que sulfiten ao BNG, o PP de X. M. Aznar pacta con CiU (1996). Consegue o seu apoio en troques de entregarlles 2.400 millóns de euros e a cabeza de Vidal Cuadras.

Ao PNV, o negociador, que non é outro que Mayor Oreja, ofrécelles entrar no Goberno.

Para reconciliarse con Xavier Arzallus, Aznar considera que é “unha ofensa cualificarnos de antinacionalistas” e declara que “cada quen defenda o que queira vivindo en paz”. Aos poucos días anuncia que autorizou “contactos co Movemento de liberación Vasco”. E aínda admite que “a independencia é lexítima se non se impón pola guerra”.

Agora Feixóo, como antes Casado, e todos os seus, teiman en acusar a Pedro Sánchez de “estar vendido aos nacionalistas” de “rachar España” e moitas inventivas máis, entre elas a de resucitar a ETA. E o PP, toda a súa división mediatica, auténtica fábrica de invencións.

Lembran os tempos cando o problema era Cuba, Venezuela, o eixo do mal... Aos seus “agüelitos” déralles por situar o MAL, así en maiúsculas, na masonería, os xudeus e o comunismo... Comunismo ao que arrenegan os seus netos.

Agora admiten que son antinacionalistas e non se ofenden!