USA, cercados polas contradicións

Manuel Mera

O presidente do Estados Unidos atopase nunha situación difícil, ao aumentar a niveis insoportábeis as contradicións internas, que poden condicionar a súa reelección, e de conseguila, ateigala de dificultades. Coa chegada de Trump á presidencia, e a súa consigna de “Estados Unidos primeiro”, comezou unha etapa de agresiva confrontación con aquelas potencias que procuraban un mundo multipolar, China e Rusia, utilizando as intervencións militares, os bloqueos e sancións, a demonización mediática, a especulación na Bolsa...

Este obxectivo de Estados Unidos non era doado de conseguir, nun mundo tan complexo, máxime cando China demostrou que era capaz de competir e mesmo superar a Estados Unidos (USA) en certo ámbitos da tecnoloxía punta (5G), e Rusia facía o propio en armamento moi avanzado (mísiles supersónicos, S-400, etc) e na operatividade sobre o terreo (Siria). Mais coa pandemia do covid-19 os proxectos de Trump sumaron novos atrancos difíciles de superar no marco dun modelo que sacraliza o individualismo e a privatización. A pandemia xa causou en USA máis de 107.000 mortes e máis de 1.860 mil contaxiados/aa. No aspecto económico tivo consecuencias dramáticas sobre as empresas e o emprego. Uns 40 millóns de persoas solicitaron dende o inicio da pandemia axudas ao desemprego, das que foron concedidas só unha parte. Falase de que o paro pode chegar ao 20%.

Neste contexto temos que valorar o asasinato de George Floyd, xa que foi a muxica que fixo estoupar o un polvorín creado pola discriminación racial e a desigualdade de clase, e fortalecido pola pandemia, o desemprego e a marxinación, daquela que se valoren como as maiores revoltas dende as protestas contra a Guerra de Vietnam. Ao día de hoxe 15 estados atópanse en situación de alerta, interviu a Garda Nacional e Trump amaga con utilizar o exército. A maioría das mobilizacións son pacificas, mais non se pode obviar a participación de grupos incontrolados e violentos (tamén da estrema dereita?), e mesmo dunha minoría que aproveita para o saqueo. Estas debilidades da revolta, da falta de estruturas alternativas cun carácter nacional, poden favorecer a Trump que quere aparecer como o garante da seguridade, ante o temor dunha boa parte da povoación ao saqueo e a violencia. Mais, nunha situación tan dinámica e complexa non se poden desbotar outros escenarios máis favorábeis ás maiorías sociais.

A primeira conclusión que podemos tirar dos acontecementos é que Estados Unidos, que se autodefinía “como o exemplo de democracia”, ficou deslexitimado. E aínda que sexa quen de esmagar esta revolta, de recuperar a economía e o emprego, queda cuestionado dun xeito moi evidente o proxecto norteamericano como un modelo a imitar. Non foi quen de dar unha resposta axeitada á pandemia, ficou máis unha vez en evidencia a desigualdade social e a discriminación racial, o uso abusivo da forza contra as clases populares, e o inmenso descontente e fractura existente no país. Esta é unha derrota histórica do imperialismo norteamericano respecto da imaxe idealizada que foi creando durante décadas na conciencia colectiva da humanidade, grazas ao seu control sobre os medios e cultura de masas, e ás novas tecnoloxías da comunicación. Agora, imponse a verdade, nunha etapa onde o seu carácter de potencia dominante está moi cuestionado. Este golpe de realidade non é un aspecto menor. Marcará unha conxuntura histórica?...

https://obloguedemera.wordpress.com/