Bugallo reclama á Xunta e ao Goberno máis axudas para a hostalaría

O alcalde considera que non sería sinxelo un confinamento perimetral na capital galega
El Correo Gallego

Santiago. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa comprensión cos sectores que máis afectados se van ver, entre eles a hostalaría, e lembrou que o Concello xa foi tomando medidas para paliar os efectos das restricións neste sector, como a autorización de elementos de calefacción nas terrazas ou a ampliación das mesmas. Non obstante, o alcalde precisou que debería ser a administración que toma a decisión a que contribúa a calmar os seus efectos negativos: “A Xunta e administración xeral do Estado deberían ser as que, en primeiro lugar, tomaran medidas para compensar aos sectores afectados”.

Ao marxe dos inconvintes ocasionados recoñeceu que eran necesarios cambios na cidade para intentar paliar o incremento dos contaxios que se produciu dende principios do mes de setembro. “Eramos conscientes da necesidade de adoptar medidas adicionais”, expresou Bugallo, tendo en conta a evolución dos contaxios na cidade, que pasou de estar nos 170-180 casos no mes de setembro a, nos últimos seis días, chegar aos 235 e a situarse agora nos 370 por 100.000 habitantes. “Estamos ante unha subida significativa”, entende Bugallo, “que require e xustifica” as medidas adoptadas polo Comité clínico. “Nós o que temos que facer é acatalas e poñelas en funcionamento”. A este respecto, o rexedor avanzou que o Concello estudará a instrución unha vez publicada e tomará as decisións que correspondan co obxecto de aplicala.

Outra das alternativas pasaba por restrinxir a mobilidade na cidade dun xeito similar ao que ocorre en Ourense ou Borborás. Sen embargo, en declaracións a Onda Cero, o alcalde recoñeceu que este non tería sido o mellor método pola capitalidade intrínseca á cidade de Santiago. “Un confinamento en Santiago ten unha complexa realización porque entre 40 ou 50.000 persoas entran cada día para traballar, ir ao médico ou estudar e é moi difícil controlar a un número de persoas tan elevado”, xustificou o alcalde compostelán. A estas palabras, Bugallo engadiu que non se pode cortar ese fluxo porque esas persoas teñen dereito a acudir ao seu posto de traballo, centro de estudo ou a unha consulta hospitalaria. Así, o alcalde expresou que xa non contaba con que se aplicase un confinamento perimetral na cidade de Santiago.

MULTAS POR RUÍDOS. Antes das restricións anunciadas por Sanidade, o Concello de Santiago decidiu subir a semana pasada as cantidades das multas que se aplican polos ruídos que ocasionan as festas celebradas nos pisos e que, segundo a alcaldía, débense principalmente aos encontros entre estudantes universitarios. Onte Bugallo tamén se pronunciou sobre este asunto xusto sete días despois de que entrase en vigor a reinterpretación da ordenanza municipal.

Asegurou que as multas empezan a ser disuasorias xa que nos últimos días, pese a que seguiron celebrándose festas en pisos, o número foi inferior que o da anterior semana. Cabe recordar que as novas cantidades polas festas en pisos van dende os 200 euros na primeira franxa, fixada ata as 00.00 horas; 500 euros se a molestia se ocasiona entre as 00.00 h e as 03.00 h; e de 750 euros ata as 07.00 da mañá. A pasada semana o concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, resumía así a razón de ser desta nova normativa: “Canto máis tarde é, máis molestia se xera aos veciños cos ruídos”.