Doce horas diarias co fin de cribar a 19.000 universitarios

Os test ao alumnado da USC comezan o próximo luns // Realizarase no Pavillón de Deportes do Campus Sur
ECG Redacción

Dentro de dous días retómanse as clases presenciais na Universidade de Santiago case un mes despois da súa suspensión. De cara a garantir a maior seguridade posible na volta ás aulas, realizarase un cribado para o que están citados 18.800 universitarios, apuntados de forma voluntaria. Comezará este mesmo luns, e prolongarase ata o próximo xoves 4 de marzo. Co fin de realizalo de forma áxil, os equipos sanitarios estarán de 09:00 horas ata as 21:00 h no Pavillón de Deportes do Campus Sur: serán 28 enfermeiras, 6 técnicos de laboratorio, 4 auxiliares de enfermería, 8 administrativos e 2 coordinadores. Para evitar problemas, desde o Sergas piden a todo o alumnado que respecte a hora e data da cita para evitar aglomeracións ou atrasos no cribado, que se realizará a través dun test de antíxenos. Desta forma, cada alumno obterá o resultado uns 15 minutos despois de finalizar a recollida das mostras. O obxectivo é detectar posibles casos asintomáticos entre os mozos.

CENTROS EDUCATIVOS. A maiores, o pasado mércores realizouse un cribado sanitario a 260 persoas do CEIP O Grupo de Ribeira no Hospital da Barbanza. A última actualización do Sergas sobre os contaxios en centros educativos, indica que nese centro escolar hai 9 casos de de COVID-19. É o segundo centro educativo máis afectado da área sanitaria despois do colexio La Salle, en Compostela, con 21 casos activos e onde xa se fixera un cribado. En total, son 134 os positivos na ensinanza non universitaria da área sanitaria, con 3 aulas cerradas. Deles, 64 corresponde a Compostela. As cifras son moito mellores que as de semana atrás, cando só na capital galega se chegaba ao centenar de casos; e o total da área sanitaria ascendía ata superar os 500 positivos.

VACINACIÓN. Ao mesmo tempo, continúa a vacinación dos maiores de 80 anos da área sanitaria. Onte foron citadas 600 persoas nos centros de saúde de Vite e Fontiñas, en Compostela; e nos de Padrón, Milladoiro, Lalín e Ordes. Durante a semana, tamén foron citados 500 docentes da área compostelá, por orden alfabética, para seren vacinados nas instalación do hospital Clínico. Ata onte xa se inmunizou a preto de 8.000 persoas coas dúas doses, e máis de 21.500 recibiron a primeira.

A evolución da pandemia na área sanitaria segue coa tendencia positiva. Actualmente hai 694 casos activos, 48 menos que 24 horas antes. É a primeira vez que se baixa dos 700 casos activos desde o pasado 16 de outubro. Con estas cifras, a incidencia acumulada a 14 días mantense por debaixo dos 150 casos por cada 100.000 habitantes. Os datos están situados ampliamente por debaixo da barreira de 250 casos de incidencia marcada pola Xunta para permitir a libre mobilidade e a apertura interior e exterior dos establecementos de hostalaría. En canto a cifra de casos detectados por PCR nas últimas 24 horas, hai unha lixeira subida ata os 28. Esta mesma semana chegaron a situarse por debaixo da vintena.

Cabe recordar que, con estas cifras, a mobilidade é total na área sanitaria excepto aos concellos de Rois, Dodro, Arzúa e Toques. Fora dos límites da área sanitaria, están permitidos os desprazamentos os concellos con incidencia inferior a 250 casos, excepto aos das áreas sanitarias de A Coruña, Pontevedra e Ferrol, que seguen perimetradas.

PRESIÓN HOSPITALARIA. Malia a mellora dos datos, a presión hospitalaria segue elevada co 54 % das camas uci ocupadas. Son 17 os ingresados por COVID-19 nas áreas de críticos, aos que hai que sumar 62 persoas con coronavirus ingresadas en réxime regular de hospitalización. A maior parte delas están no CHUS, salvo 2 hospitalizadas en réxime regular no HM La Rosaleda, en Santiago.