En Carballo lamentan a decisión e prevén máis peches na hostalería

Juan Pazos di que ao sector “non nos valen agora as desculpas, os erros hai que pagalos”
COVID
J.L.
Concentración de hostaleiros en Carballo en novembro.

Carballo. As restricións máximas volven á capital de Bergantiños e a outros catro concellos da Costa da Morte (Cee, Camariñas, Vimianzo e Laxe), e con elas, o malestar entre os profesionais do sector hostaleiro. Así o manifestou Juan Pazos, presidente da Asociación Hostalería Carballo, quen asegura que “era algo que se vía vir” e coida que a esta situación se chega polo feito de “permitir as xuntanzas familiares, as reunións e os botellóns no Nadal”.

Lembra que antes das festas navideñas no Concello carballés “só había catorce casos activos, e íamos bastante ben ata que se lle dixo á xente que xa se podían xuntar nas súas casas”.

As equivocacións, engade, “ten que pagalas quen as comete, e non nos valen as desculpas”. Lamenta que, unha vez máis, “se poña por diante a hostalería, que somos os que damos a cara, pero este é un problema que afecta a todo o comercio e aos autónomos en xeral, e gustaríanos que nos desen unha explicación, pois somos permisivos, pero non tontos e estamos xa moi cansos”.

Non entende por que a hostalería só se lle permite traballar nas terrazas e únicamente ata as 18.00 horas, mentres que o resto de comercios e áreas comerciais poden seguir abertos ata as 21.30 horas. “Isto o que fai é xuntar á xente neses espazos”, afirma.

Pazos asegura que en Carballo “xa pecharon varios locais, porque estamos fundidos, e outros o están estudando baixar a persiana porque non van poder superar outro peche”. Di ademais que as axudas anunciadas para apoiar ao sector quedáronse en meras promesas, pois “só as cobraron un par deles e pouca cousa, pero os profesionais temos que seguir pagando seguros, alugueres, electricidade, auga e impostos, a pesares de non ter ingresos”.

Dende a asociación están a estudar qué resposta van dar a estas novas restriccións, “pois sempre sempre temos que pagar os pequenos, e parece que as autoridades lle teñen medo aos grandes”. Hai que lembrar que o colectivo xa promoveu o pasado 30 de novembro unha manifestación polas rúas de Carballo.

O malestar dos profesionais de hostalería é tamén patente en Vimianzo, un concello que leva máis de dous meses pechado perimetralmente, e onde os locais xa botaron máis dun mes pechados, co que esta volta atrás supón outro duro golpe para eles. J. L.