“Estivemos xa máis tranquilos do que estamos na actualidade”

Brais Fernández

O Vicedo. Limítrofes con Viveiro, o concello do Vicedo vai superando a COVID cunha baixa influencia. Con todo, o seu alcalde, Jesús Novo, móstrase algo preocupado polos últimos casos e destaca a necesidade de coidarse e tomar todas as precaucións.

Como está a situación agora no concello?

Actualmente, temos varios casos, segundo os datos do Sergas. Por iso, estivemos máis tranquilos do que estamos agora mesmo. Hai que tomar moitas precaucións e se temos que saír á rúa, hai que coidarse ao máximo, porque a situación é complicada. Vivir no rural é fundamental neste senso, en pobos naturais nos que non hai grandes aglomeracións.

Que medidas están a tomar?

Dende un principio, estamos desinfectando as zonas comúns do municipio, especialmente, arredor do centro de saúde, do concello e da farmacia, así como tamén os contedores, as zonas próximas ás cafeterías e o colexio público. Ademais, dentro destas accións, repartimos as máscaras a quen o necesita.

A estas medidas, durante o verán, sumaranse algunha máis, xa que había xente contratada para a desinfección das duchas das praias e das pasarelas.

Como está sendo o grao de implicación dos veciños?

Estou moi contento neste senso, porque sempre vin concienciados aos veciños, pero nestas festas xuntouse máis xente e iso sempre aumenta o risco. Con todo, é un orgullo que xente tan maior estea cumprindo as medidas en todo momento e que soporten a máscara coa súa idade.

Falaba anteriormente do verán, sendo un municipio turístico, notaron o descenso de visitantes?

A nivel turístico, se ben xullo estivo todo moi parado, no mes de agosto houbo moitísima xente. Certamente, é unha zona de moda e, en xeral, creo que houbo un aumento xenérico de visitantes en toda a contorna e na Mariña lucense. Aumentou o turismo, pero tratábase dun turista nacional e galego, debido a situación que había.

De cara ao 2021, teñen algunha axuda prevista para os sectores máis afectados?

Á falta de aprobar o presuposto para 2021, haberá axudas destinadas a eses colectivos. Para iso, creamos unha comisión co goberno local e sacaremos unhas bases para optar a elas, por exemplo, como a de non cobrar certas taxas a establecementos ou mesmo algunha subvención.

Xa por último, chegaron xa as vacinas ao Vicedo?

Temos pedidas vacinas para as traballadoras dun obradoiro de emprego porque teñen que facer as prácticas na Residencia de Maiores de Viveiro, polo que antes de que comecen teñen que estar vacinadas. Esta semana, precisamente, solicitámolas a Política Social para que llo comunique ao Sergas. brais fdez.