Máis de 250 sanitarios pernoctaron nalgún dos 15 hoteis de garda en Galicia

Feijóo visitou en Santiago e Ourense dous destes establecementos, aos que lle agradeceu o seu labor e esforzo durante a pandemia
M. Triñanes
Núñez Feijóo, xunto co conselleiro Román Rodríguez charlan con traballadores do hotel Eurostars compostelano. Foto: Xunta

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou onte na compaña do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, dous dos establecementos turísticos de garda que ofreceron aloxamento ao persoal sanitario, traballadores esenciais e colectivos de risco durante o pico da pandemia, o Eurostars Gran Hotel, en Santiago de Compostela, e o Carrís Cardenal Quevedo, en Ourense.

En total, quince establecementos hostaleiros nas áreas dos principais hospitais da comunidade foron postos a disposición polo Goberno galego só para o persoal sanitario e de Política Social, aínda que chegaron a estar operativos en Galicia 128 aloxamentos no contexto da crise do coronavirus.

Grazas á colaboración dos profesionais do sector turístico, chegaron a empregar este servizo máis de 250 sanitarios e persoal de Política Social que, ou ben vivían lonxe do seu centro de traballo, ou ben querían protexer ao máximo á súa familia e preferiron pasar as noites lonxe dos seus domicilios particultares. Uns técnicos que chegaron a realizar nestes establecementos máis de 6.000 pernoctacións, según os datos que facilitou onte a Xunta con motivo da visita do presidente.

Entre os colectivos que puideron facer noite nestes nestes negocios, figuran militares e forzas e corpos de seguridade do Estado, sanitarios e transportistas, pero tamén persoal dos operadores de telecomunicacións e de centros de procesos de datos, de operación e mantemento da redes de transporte e distribución de electricidade, gas, auga, e de centrais de xeración de enerxía. Unha colaboración, a dos complexos turísticos, moi relevante á hora de frear a propagación pandémica e que motivou a Feijóo a realizar a visita de onte e destacar “o esforzo do sector”.

O presidente salientou ademais o esforzo que o conxunto do sector turístico está realizando para adaptarse á nova normalidade, e incidiu na importancia de traballar en conxunto para promocionar Galicia como un destino seguro e de alta calidade.

Un obxectivo que recolle o Plan de reactivación dos sectores turístico e cultural, dotado con 27 millóns de euros e centrado na reactivación da demanda e accións de promoción, na creación de novos produtos turísticos, no apoio ao tecido empresarial e o mantemento do emprego, así como na formación, a competitividade e a innovación. En definitiva, manter á comunidade na mira dos viaxeiros tras a difícil situación na que quedou o sector polo coronavirus, que lle causou a nivel estatal unhas perdas que se poden cuantificar nos 7.000 millóns de euros só en abril.