Ames amplía o prazo de prácticas sás e abre o de transporte adaptado

Impartiranse clases ao aire libre tanto no Milladoiro como en Bertamiráns este mes
El Correo Gallego
Imaxe do cartel do programa

Ames. Dende o departamento de Benestar Social do Concello de Ames, e a través da concellería de Sanidade e do programa de Ames Saudable, organízanse para este mes de xullo as xornadas Desconfinamento Saudable. Consisten nun conxunto de actividades ao aire libre impartidas en grupos reducidos e en ambos núcleos urbanos do concello: Bertamiráns e Milladoiro. A día de hoxe, para quen quixera inscribirse, continúa habendo prazas nos horarios de tarde e nos de ioga.

As distintas actividades poden realizarse tanto de maneira individual, véxase ioga ou baile en liña; como en familia, sendo a actividade Ben-Estar a principal.

No Milladoiro, o programa desenvolverase no entorno da piscina municipal. Así pois poderase asistir a ioga e relaxación no horario de 10.00 a 11.00 horas, os martes e xoves a Ben-Estar de 18.00 a 19.00 e os venres o baile en liña de 10.00 a 11.00.

En Bertamiráns as actividades executaranse nos xardíns do Pazo da Peregrina. Aquí, os luns e mércores desenvolverase a actividade Ben-Estar de 18.00 a 19.00 horas, martes e xoves ioga e relaxación de 10.00 a 11.00 e, os venres, remataríase con baile en liña de 11.30 a 12.30.

A inscrición pode realizarse remitindo un correo electrónico ao enderezo promociondesaude@concellodeames.gal ou chamando ao 649 450 264.

Por outra banda, o Concello informa de que ata o 10 de xullo está aberto o prazo de solicitude do servizo de transporte adaptado para achegarse ao colexio electoral en prol de exercer o dereito ao voto para as vindeiras Eleccións Autonómicas.

Os usuarios con dereito a este servizo serán calquera veciño/a con dificultades de mobilidade, tales que lle impidan o desprazamento ao centro electoral polos seus propios medios.

Ante as circunstancias excepcionais debidas á presenza do covid-19, este servizo conta cun protocolo axustado a esta nova normalidade. Poderá reservarse praza de luns a venres das 9.00 ás 14.00 nos teléfonos 900 20 40 00 e 662 377 044 e no correo electrónico voluntariado@concellodeames.gal. Paula pérez