Ames aproba a licitación dos programas lúdicos e de verán por catro anos

El Correo Gallego
Tres cativos xogando nun dos concilia. Foto: C.A.

AMES. A xunta de goberno de Ames vén de aprobar o expediente de contratación, mediante procedemento aberto, do servizo dos Programas Municipais de Conciliación Lúdicos e da Escola de Verán para os próximos catro anos. O valor estimado do contrato ascende a 1.142.362 euros e abrangue os custos da Escola de Verán, que se desenvolve nos meses de xullo e agosto, e os catro programas para o resto de períodos estivais: Entroido Lúdico, Primavera Lúdica, Setembro Lúdico e Nadal Lúdico. Todos eles son postos en marcha polo goberno local para que as familias amesás poidan conciliar a vida laboral e familiar nas épocas de vacacións escolares. Dende o Concello recalcan que todas estas iniciativas serven ademais para que a rapazada que vive en distintas zonas da vila se coñeza entre si, e para fomentar valores como “a solidariedade, o compañeirismo e o traballo en equipo”, sinalan fontes municipais. Todas as propostas de conciliación están dirixidos ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e de Primaria, e inclúen a oferta de servizo de Bos Días e Comedor. Deste xeito as familias poden inscribir aos fillos e ás fillas en horarios que lles permiten almorzar ou xantar a través do programa”, apuntan dende o Concello. A.P.