O sábado, unha vintena de artistas crearon en Padrón unha exposición feita só cos materiais que outorga o medio // A mostra está dirixida polo padronés Camilo Seira // Na iniciativa tamén participa a organización Catro Gatos TEXTO N. Vázquez

Arte en consonancia coa natureza no segundo encontro Land Art Seira

Noela Vázquez
Cabana, do artista Xurxo Guimarei. Foto: Laura Sánchez

Esta fin de semana levouse a cabo a segunda edición do Land Art Seira. Tras o éxito que supuxo o encontro do ano pasado, o artista padronés Camilo Seira, artífice de obras tan coñecidas como o busto de Rosalía de Castro de Rianxo ou o ‘Monumento ao ciclista’ de Extramundi, convocou novamente a xornada, que desta quenda durou un día e non dous, coa única premisa de facer arte co que a natureza queira aportar. Igual que a última vez, estivo organizado en colaboración coa organización Catro Gatos, pero tamén o Concello de Rois colaborou cunha bolsa para gastos do evento e a financiación do catálogo que se publicará coas imaxes das pezas.

Ao encontro, que tivo lugar na aldea de Seira, en Rois, acudiron arredor dunha vintena de artistas de diversas disciplinas: artes plásticas, música, arquitectura, deseño... que só tiñan unha pauta: empregar o que ofrece o medio para crear arte, pero sen perturbalo. “Podemos empregar como exemplo un niño dun paxaro”, explica o artífice da xornada, “que emprega elementos que ten ao seu arredor cun pouco de pericia, e faino sen alterar o medio”. E é que, tal e como lamenta Seira, “coñecemos como funciona e empregamos goma eva e materiais destes raros pero o que temos ao noso lado non o coñecemos”, di.

“Entón”, explica, “a idea xorde de saber apreciar a estética dos traballos que fan os campesiños” e así poñer en valor e combater a desmemoria na que están a ficar estes aspectos da cultura labrega. De feito, o mesmo escultor padronés aclara que non forma parte do concepto de Land Art estadounidense dos “artistas que querían deixar a súa pegada na terra” que naceu a finais dos anos sesenta. “Querémoslle dar a identidade de saber ver a beleza na nosa cultura e da nostalxia dos traballos que facían os nosos antergos”, explica, e que “tristemente sempre denostamos”.

Así, empregando exclusivamente materiais propios do terreo no que se levou a cabo esta segunda edición, os artistas pasaron o día creando obras “coas súas mans e ferramentas moi básicas”. Artistas que, en moitos casos, acostuman a traballar con materias sintéticos, como siliconas, e para os que tamén é unha experiencia nova. O resultado foron esculturas feitas con ramas, pedras, lama, bosta, flores, follas, tintes de froitos... e practicamente calquera elemento que os convidados e as convidadas poidesen atopar.

Obras que, pola súa condición, son case irremediablmente efímeras, aínda que isto non significa que non se vaia poder desfrutar delas. “Queremos facer unha exposición coas fotografías”, explica Seira, “xunto cos fundadores de Catro Gatos que participaron na idea”. Asemade, xa dende 2019 están a traballar na elaboración dun catálogo. Debido á crise sanitaria, non se puido publicar o do ano pasado, polo que desta quenda recolleranse imaxes das pezas das dúas xornadas.

No catálogo tamén se recollen nomes de traballos tradicionais locais que cada vez se están perdendo máis e máis. “Intentamos facer un pequeno traballo de arqueoloxía”, comenta Camilo Seira, “porque queiramos ou non é un ben inmaterial que temos aí, e para coñecelo soamente hai que falar cos nosos maiores”. Por iso, o Land Art Seira deste ano estivo dedicado a eles e elas, que manteñen as tradicións do campo vivas e que tamén son os que máis sufriron esta crise.

O encontro deste derradeiro Land Art Seira foi un éxito. Serviu á vez de berce para numerosas esculturas, como de reivindicación da necesidade dun equilibrio entre arte e natureza. Unha iniciativa que é posible grazas aos seus organizadores, Camilo Seira, Andreas Ruiz, Sandra Villaverde e os fundadores de Cato Gatos, Inés Silvalde e Delio Sánchez.