As árbores no deserto de Rosalía Fernández Rial chegaron a Muxía

Trátase dun libro de poemas, cuxa presentación contou con imaxes e música
El Correo Gallego
Momento da presentación da obra. Foto: C.M.

Muxía. Rosalía Fernández Rial presentou as “Árbores no deserto”(Galaxia) nunha terra á que está moi vencellada. Na mesma Muxía, que inspirou a López Abente. A mesma que “decrúa” e segue provocando un estupendo magnetismo nas persoas que a visitan. A sala do voluntariado acolleu unha boa afluencia de público para asistir á presentación deste libro de poemas que se escribiu, como se sinala desde a sinopse do poemario “ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Sobre a trama resultante a literatura compuxo colaxes urdidas coa figura e as palabras de pensadores que teceron imaxinarios redentores a través do tempo. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto”. Non faltou o alcalde, Iago Toba, nin a nova concelleira de cultura e segunda teniente de alcalde, Olalla Benlloch, nun acto onde a escritora estivo acompañada por dúas persoas que tamén navegan os mares da literatura, Miguel Vázquez Freire e María Lado.

O mandatario muxián destacou a proposta da autora que “fai accesible a poesía a todo o mundo, e a todos os lectores que non somos consumidores deste tipo de literatura”. Para Toba a presentación “coas imaxes, a música e o recital fai despertala curiosidade por este novo libro de Rosalía”.

A autora comentou que o libro ten dúas vertentes, “A de repaso cronolóxico a través do tempo de varias mulleres pensadoras e a vontade de levar ao ámbito artístico á poesía”. Tamén coincide na idea de que “a poesía chegue a todo o mundo, que pode estar onde menos o esperes”.De feito, unha protagonista é Rosalía de Castro, que representa esa universalización dos versos. ”Ao final a xente cantaba as súas poesías” engadiu.Fernández Rial, con sete libros de poesía publicados e varios volumes de narrativa e ensaio, loce xa a súa poesía, que homenaxea a tantas mulleres que foron árbores nun deserto, que dalgún xeito, acabou sendo fértil. X.M.LEMA