Coronavirus

Manuel A. Rei Chao

A AFIRMACIÓN de Bertolt Brecht de que o mundo xa é un só lugar, aínda que formulada nun contexto e nunhas circunstancias moi diferentes ás de hoxe, faise evidente unha vez máis por mor da pandemia da covid-19. Unha crise sanitaria aparecida na China e que foi convertida en moi pouco tempo nun fenómeno que está nos cinco continentes.

Curiosamente, para combater a expansión da pandemia debemos illarnos, limitando a circulación de persoas en espazos públicos, ou mesmo pechando fronteiras; pero só practicando a solidariedade e a fraternidade nun mundo interdependente conseguiremos salvarnos e volver á normalidade. Basta con que un país ou unha persoa non poida acceder a unha atención sanitaria axeitada para que non logremos erradicar a pandemia no planeta. Ao colapso sanitario pode suceder o colapso económico, provocando unha emerxencia social de consecuencias imprevisibles con innúmeras familias sen ingresos. Ningún país se poderá salvar en solitario. A sanidade será pública e universal, ou non será.