Congregou desde mediados de xulio a preto de 200 artistas, con máis de 30 grupos e compañías e sesenta actividades programadas // Satisfacción do alcalde por “contribuír á reactivación da economía da man dos nosos artistas” TEXTO M. Boo

Cultura Quente deixa ganas de repetir con grupos de Caldas

Festival
M. Boo
Concerto en Caldas da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo dentro do ciclo Música no ar

A programación cultural municipal de Caldas de Reis para este verán tan marcado pola situación sanitaria, que se presentou baixo o nome do seu emblemático festival Cultura Quente na súa 23ª edición, deixou un inmellorable sabor de boca tanto entre o público como no seo dos artistas participantes e abriu de par en par as portas a manter a aposta en próximos veráns pola creatividade local.

Caldas viviu entre o 16 de xullo e o pasado 3 de setembro unha frenética actividade cultural que congregou a preto de 200 artistas nos diferentes escenarios da localidade, con máis de trinta grupos e compañías e ao redor de sesenta actividades programadas. O programa contou co respaldo absoluto do público e foron numerosos os concertos que completaron o aforo cada fin de semana.

A concelleira de Cultura, María López, fixo onte balance da programación e remarcou que “foi a maior aposta por artistas e creacións locais da historia do festival Cultura Quente” para afirmar que “os obxectivos cumpríronse con creces”.

O talento dos grupos da localidade quedou proxectado máis aló de Caldas grazas ao ciclo Son Cileno, que reuniu toda a creatividade local en memorables actuacións de grupos e bandas como Soüldiers, Gradín Tom & Reverendo, Dj Xaby, Dj Óscar, Dj Moe, Os meninos, Chorinhos e Afíns, Froján, AnecoiD ou Igloo, entre outros.

A Escola Municipal de Música de Caldas tamén tivo un papel fundamental dentro do festival. Os concertos de Música da Escola deixaron patente o enorme nivel de músicos formados en Caldas, de antigos alumnos das Escola e dos profesores do propio centro. Polo seu lado, Vermú de Domingo, encheu as rúas de alegría á hora do aperitivo con grupos de gaitas, fanfarrias e charangas que desfilaron en pasarrúas. Tamén sairon ao vermú coincidindo coas festas patronais os xigantes e cabezudos que non quixeron perder a oportunidade de saudar a caldenses e visitantes.

A todo isto sumáronse as actividades deportivas e lúdicas para nenos e nenas do programa Brincadeira. Así mesmo, a 23ª edición de Kaldarte incluída no festival deixou en Caldas máis de vinte intervencións esparexidas por todo o casco urbano e enriqueceu as rúas e espazos públicos mostrando a Vila Termal dende unha perspectiva rompedora e diferente. Tamén se engadiu á programación o concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo enmarcado no ciclo Música no ar da Deputación pontevedresa.

O festival foi deseñado co obxecto de favorecer un impacto positivo sobre a actividade comercial e hostaleira. Porén, desenvolveuse baixo a filosofía de levar as actuacións e actividades a todos os espazos e recunchos da vila demostrando que escenarios como As Palmeiras, o Campo da Torre ou A Tafona son ideais como colectores culturais. A aposta polo propio e o local trascendeu incluso o eido puramente artístico e chegou tamén á parte técnica, sendo a empresa caldense Global Setup SL a encargada do son, a iluminación e a produción dos espectáculos.

O alcalde, Juan Manuel Rey, coincidiu en valorar a proposta cultural estival como “un éxito, tanto pola afluencia de público, como por satisfacer a demanda de ocio neste verán tan particular e por contribuír á reactivación da economía local apostando pola nosa vila e os nosos artistas”. O rexedor tamén amosou a súa satisfacción “por dar apoio a moitos artistas locais que se viran moi prexudicados pola situación sanitaria e tiveron, deste xeito, a oportunidade de proxectarse dende a súa casa”.