En marcha a campaña para axudar aos amesáns máis vulnerables

Dispoñen dun servizo de asesoría xurídica e dan apoio ás familias con produtos básicos
El Correo Gallego
Imaxe O Milladoiro (Ames)

Ames. O departamento de Benestar Social do Concello de Ames vén de poñer en marcha a campaña Estamos Contigo, co fin de prestar axuda ás persoas máis vulnerables durante a pandemia e facilitarlle a veciños e veciñas toda a información necesaria en diferentes ámbitos de actuación.

Dende hai dúas semanas funcionan dúas liñas gratuitas para permitir a comunicación co Concello á veciñanza: no Milladoiro, o número é o 900 103 704 e en Bertamiráns deben chamar ao 900 101 569. Ademais os usuarios dos servizos sociais contan cunha asesoría xurídica para resolver calquera dúbida en materia de vivenda, estranxeiría, familia, pensións, prestacións e xestión de débedas, tanto con organismos públicos como particulares. Estanse a desenvolver asemade, lembran dende o Concello, diferentes medidas sociais en situación de vulnerabilidade “como a renda municipal básica, axudas de emerxencia social para primeiras necesidades, prestación de alimentos e produtos de hixiene, axudas a familias numerosas, roupeiro municipal, tramitación de axudas autonómicas e información sobre as estatais”, apuntan.

Desde a Oficina do Voluntariado estanse a repartir alimentos e produtos de hixiene entre as familias máis vulnerables con menores a cargo; e o Centro de Información á Muller continúa a ofrecer atención ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e contan con atención psicolóxica. A.P.